Luis López Bueno pídelle ao Goberno municipal que tome unha
determinación “axiña” sobre a celebración das festas do San Paio. O voceiro
do PSOE reclama “sensatez para tomar unha decisión e claridade para
comunicala. Ata o de agora, os anuncios de Gonzalo Louzao foron
cambiando mentres pasaba o tempo pero nunca chega a ofrecer unha
resposta concreta”.
O voceiro ve problemas evidentes no escenario que manexa o goberno
“unhas festas descafeinadas non favorecerán demasiado a actividade do
comercio nin da hostalaría” e por iso considera que “o Goberno debería
centrarse dunha vez en aprobar medidas económicas. As propostas do
PSOE levan meses sobre a mesa sen que se chegue a discutir un
documento definitivo”.
O socialista considera que celebrar o San Paio nas datas previstas “é unha
completa irresponsabilidade” e esixe que “a decisión estea informada con
criterios sanitarios” porque “sairemos do estado de alarma poucos días
antes de do teórico inicio das celebracións, e seguiremos nunha situación de
pandemia”. Ademais pensa que “debe existir un protocolo para as
actividades que aínda non está deseñado. O Concello debería instar á Xunta
a que deseñe unhas medidas marco, porque a partir do luns son o órgano
competente”.
Sobre este extremo, o líder socialista valora que “Feijóo está agora
sometido ás súas propias contradicións. Pasouse todo o estado de alarma
atacando ao Goberno e cando por fin lle dan competencias, pide que sexa o
Goberno central quen deseñe os protocolos da volta á normalidade en
Galicia. En que quedamos? Quere as competencias ou non? Se fora certo
que mando único o fai tan mal, por que lle pide que desenvolva as normas
da desescalada?”.
Ademais, López Bueno aféalle ao Goberno local que estea a crear
“confusión” coa peatonalización das rúas do casco urbano. Pide que
“medidas definitivas e claras” e que López Campos abandone a
“improvisación”. Considera que “o Goberno local navega entre dúas augas.
Nin condutores nin peóns teñen claro que rúas están abertas e cales non”.
López Bueno recorda que “temos presentadas dúas mocións dende hai
meses, e están a durmir o sono dos xustos porque o Goberno municipal
está instalado na pasividade”. O voceiro socialista opina que “se as familias
e o tecido económico están aguantando é grazas ás axudas do Estado e á
súa propia tenacidade, porque o Goberno local é absolutamente incapaz de
poñer medidas sociais e económicas sobre a mesa”.






































