Pepe Peinó presenta en Gres o seu libro “Bica de Montouto”, gañador do V Concurso “Balbino” de Relatos

A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu esta mañá, ás 13.00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso “Balbino” de Relatos, “Bica de Montouto”, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.

O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.

 

O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.

 

Próxima presentación

 

Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20.00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de “Bica de Montouto”, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso «Balbino» de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso «Balbino» de Relatos, Pepe Peinó.

 

Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18,00 h asinando libros no propio salón de actos.

 

Concurso “Balbino” de Relatos

 

Este concurso, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terá como motivación temática o rural, o mar e a emigración.

 

O autor premiado recibe un premio dobre; por unha banda, un cheque por valor de 1.500 euros e, por outra, a publicación da obra por Edicións Fervenza.

 

Na anterior edición, en 2019, resultou gañadora a obra “B.S.O. Banda Sonora Orixinal”, de Pablo Nogueira. En 2018 a gañadora foi “Máis alá do río do esquecemento”, de Ricardo Ferreiro Almeda; e en 2017, “De que falarán as árbores”, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición, en 2016, o premio recaeu en “Camiños na sombra” de Xián Lois Alcayde Dans.

 

O xurado destacou da obra

 

O xurado deste V Concurso «Balbino» de Relatos estivo formado pola poeta, Rosalía Morlán; polo profesor e escritor, Carlos Loureiro; polo profesor e escritor, Xosé Manuel Lobato e polo profesor, escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo e todos coincidiron en destacar da obra:

 

«Esta novela, Bica de Montouto, destaca pola forza telúrica dunha historia sobre o despoboamento rural e a desaparición dun mundo que esfarela e no que se moven uns personaxes cheos de matices que loitan pola supervivencia dos seus eidos e da memoria da vida que neles se garda.

 

Ante a inminente desaparición da súa aldea, catro anciáns deciden unir forzas e crear unha pequena industria artesanal que do tempo que os une consiga afincar a esperanza da supervivencia da aldea.

 

Fondamente lírica, e con grande sensorialidade, esta novela é o canto melancólico dun mundo que se vai pero que non se resiste a desaparecer sen nos ofrecer o máis fermoso canto de cisne antes de esvaecer».

 

Colaboracións

 

Neste Premio e na publición do libro colaboran a Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, así como a Fundación Xosé Neira Vilas.

 

Pepe Peinó

 

Nado en Lugo o 27 de outubro de 1960, estudou Maxisterio en Lugo e é licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Realizou os estudos de Doutoramento na mesma UNED e comezou a elaboración da Tese Doutoral, primeiro na UNED e logo na USC, sen rematala. Exerceu como profesor de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia no Instituto de Ensinanza Secundaria Alfoz-Valadouro entre os anos 1997 e 2020.

Como autor teatral, escribiu preto de 100 obras de teatro cómico afeccionado, que se representaron en multitude de concellos da Mariña Lucense e noutros lugares. Dirixiu o Grupo de Teatro do Instituto Alfoz-Valadouro, gañador de varios certames de teatro a nivel provincial, e o Grupo de Teatro Xuvenil “A Maseira”, dos concellos de Alfoz e O Valadouro. É membro fundador do Grupo Teatral “Raiolas”, de Alfoz, para o cal escribiu varias obras, participando tamén como actor. Igualmente, é tamén membro fundador do Grupo Humorístico Trípode e membro do Grupo Teatral “O Centiño”, de San Martiño, en Foz. Para todos estes grupos escribiu tamén unhas cantas obras de teatro.

No aspecto cinematográfico, dirixiu máis de dez películas. Co Instituto Alfoz-Valadouro dirixiu “Malos tempos”, película gañadora do Primeiro Certame Ouff Escola, no Festival Ourencine, de Ourense. Tamén logrou varios premios no Certame de Cine do Instituto Monte Carrasco de Cangas do Morrazo. A súa última curta, titulada “Medos”, foi seleccionada no Certame organizado na Semana do Cine de Lugo no ano 2020.

No medio radiofónico dirixiu e presentou o programa de debate “Parolando” durante 11 anos, 7 anos na emisora de Radio Valadouro e outros 4 anos en Radio Burela. Colaborou tamén noutros diversos programas e na emisora de Radio Foz.

Foi presentador en diversos eventos culturais da Mariña Lucense, como a Feira do Libro de Burela, diversas galas musicais ou presentacións de libros.

Leva publicadas varias novelas: Escombros, moitos escombros (2015) e A fuxida (2018), ambas en galego, e A Solo no le gustaba su nombre (2020), en castelán. Tamén publicou o libro Vinte obras de teatro afeccionado, unha recompilación de vinte das súas obras de teatro, escritas todas en galego. Participou tamén na preparación da zarzuela O amor de Afonso Reimúndez, representada no Mercado Medieval de Mondoñedo no ano 2018, escribindo o libreto, ao que lle puxo música Xan Carballal, impresa en Lugo no ano 2019.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta