O PSOE presentou en febreiro unha moción instando ao
goberno municipal a solicitar o Taller dual de emprego e o Programa Dual
de emprego para persoas mozas, os coñecidos como “Obradoiros” de
emprego. No debate que se produciu no Pleno de onte, o PP votou en contra
da moción socialista alegando que só van solicitar o obradoiro de emprego
para menores de 25 anos.
López Bueno considera inexplicable que o PP vaia solicitar tan só ese
programa por varias cuestións. En primeiro lugar, porque no obradoiro
ordinario “tamén poden acceder as persoas menores de 25” mentres que no
programa que se vai solicitar non cabe a posibilidade de que accedan
maiores desa idade. Considera que “non hai unha xustificación decente”
para esa decisión do goberno municipal, e valora que “só se pode explicar
pola ineptitude do Concelleiro que toma a decisión”.
Ademais, resalta que o obradoiro permite un total de 20 prazas, mentres
que o programa para menores de 25 unicamente ofrece 16, polo que
haberá menos persoas en situación de desemprego que poidan acceder a
esta ferramenta. Recorda que a súa proposta era solicitar os dous
programas para crear así 36 postos de traballo remunerados durante un
ano, e formar traballadores para o sector do moble local, que está disposto
a absorbelos unha vez rematada a formación.
López Bueno opina que “non ten explicación” que o PP unicamente solicite
un dos dous obradoiros porque “as convocatorias das axudas son xemelgas”
e polo tanto, “o traballo de elaborar un plan formativo serve para solicitar
os dous obradoiros”.
Na comisión celebrada en febreiro e onde se debateu esta mesma moción,
despois de dar voltas con outros argumentos desmontados polo Partido
Socialista, o PP facía referencia á suposta escaseza de espazos para ubicar
aos alumnos. Os socialistas replicaron que existe espazo de sobra nas
instalacións existentes e que cabe a posibilidade de buscar novos espazos
se fora necesario. Tamén argumentaron que se podería dividir aos 36
participantes en quendas de mañá e tarde, distribuír as actividades nas
aulas e realizar tarefas fóra dos talleres propios do obradoiro, como se
propoñía dende o PSOE.
O líder socialista tamén considera “pouco acertada” a decisión de solicitar o
obradoiro forestal porque “non conta con tanto tirón coma os de carpintería
e instalación de elementos de carpintería”. Ademais, valora que pola
configuración do financiamento, practicamente todos os concellos solicitarán
esa liña de formación, (conta cunha partida separada), e avisa ao goberno
de a competencia será maior para esa formación, e que se finalmente se
concede a axuda “ofrecerán 16 prazas e non se van cubrir todas”.
O líder socialista ve totalmente “fóra de lugar” os argumentos que esgrime
o PP. López Bueno pensa que “non ten sentido nada do que din” e só se
explica as decisións do PP porque “este ano cambiou o concelleiro
responsable e nin leu a convocatoria”.
Ademais fai fincapé nos “bandazos” do goberno local, que hai apenas 3
meses dicía que “non crían no modelo do obradoiro” e que “deixara de ser
útil”, pero en cambio si que van solicitar un. Cre que López Campos debería
dar explicacións sobre as súas contradicións no que se refire a política de
emprego, aínda que considera positivo que “polo menos se soliciten as
axudas e non perdan 700.000 euros de financiamento para emprego, como
xa aconteceu o ano pasado”.







































