O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) no acto de entrega das medallas aos voluntarios de Protección Civil, onde reafirmou o compromiso do Goberno galego con este colectivo, un dos piares das emerxencias galegas.
Alfonso Rueda destacou a importancia destas medallas aos voluntarios que levan a cabo un traballo completamente altruísta no seu día a día para velar pola seguridade dos seus veciños, con especial dedicación nos meses máis duros da pandemia do coronavirus coa entrega de alimentos e medicamentos, o acompañamento de persoas que viven soas ou a desinfección de espazos públicos. Por iso, entre as condecoracións destaca a entrega da Medalla de Ouro ao conxunto das agrupacións galegas pola súa colaboración na loita contra a covid e a súa contribución á sociedade na atención da poboación na crise sanitaria.
Galicia conta con 234 agrupacións que suman máis de 5.000 voluntarios. A Xunta mantén o seu compromiso co funcionamento deste servizo cun investimento de 15 millóns nos últimos anos, dos que 11 millóns se corresponden co reforzo e mellora do seu equipamento para realizar as súas intervencións con todas as garantías e os 4 millóns restantes destinados a sufragar os seus gastos de funcionamento.
O titular da Vicepresidencia primeira indicou que nos últimos anos lévanse entregado ás asociacións un total de 220 vehículos, máis de 130 remolques de emerxencias, máis de 130 terminais de radiocomunicación, 57 embarcacións, 9 motos subacuáticas, 21 coitelas quitaneves, 62 esparexadores de sal e 68 tendas de campaña.
A maiores da inversión realizada nos últimos anos, o Goberno galego publicou este ano unha orde de axudas de 1 millón de euros para a cesión de novo equipamento ás agrupacións de Protección Civil da comunidade, e destinará 340.000 euros máis aos seus gastos de funcionamento, ademais de apoiar as actividades realizadas con motivo do Xacobeo en axuda dos peregrinos para garantir a súa seguridade.
Alfonso Rueda lembrou que os efectivos destas agrupacións teñen á súa disposición a formación que presta a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) tanto co curso básico para obter o carné de voluntario como coa formación continua para actualizar os seus coñecementos.
Entrega de medallas
A concesión das medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia ten por finalidade distinguir as persoas físicas ou xurídicas e/ ou ás institucións que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, así como a prestación de servizos continuados no tempo, de interese para a protección civil, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
No acto celebrado hoxe fíxose entrega das medallas correspondentes aos anos 2020 e 2021.







































