Este mércores día 1 de decembro, no Teatro Principal, terá lugar a presentación do álbum ilustrado O ladrón de paraugas, escrito por Xosé Lueiro e ilustrado por Sara Valcárcel.
Publicado pola editorial Galaxia, o Ladrón de paraugas é un libro para nenos e nenas maiores de 3 anos que narra a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima saber de que cor é o vento. Para dar resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura, collido á empuñadura dun paraugas.
O libro mergúllanos no eido da curiosidade infantil, naquela etapa os cativos se erixen en exploradores do mundo, comezando o camiño da súa aprendizaxe. Tamén trata de sensibilizar os nenos en temas como a violencia machista, os conflitos bélicos ou a indefensión que sofren en moitos países do terceiro mundo.
O acto será de entrada gratuíta ata completar as 50 prazas dispoñibles, e comezará ás 20.30 h. Contará coa presenza dos dous autores, un representante da editorial Galaxia e outro do Concello da Estrada. Tamén contará coa colaboración do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.
Ao remate da presentación, terá lugar unha sinatura de libros por parte dos autores.






































