A Casa das Letras inaugurará mañá a mostra ‘Mulleres Valentes’, de Rosa de Cabana

 
A Casa das Letras da Estrada inaugurará mañá, ás 20.30 horas, a mostra de debuxo ‘Mulleres Valentes’, da artista Rosa de Cabana, que se exporá ata o día 18 dentro dos actos que o departamento de Cultura e o de Igualdade organizan con motivo do Día Internacional da Muller, o próximo martes 8 de marzo.
«Agardo que este venres toda a veciñanza se achegue á Casa das Letras para apoiar e gozar dunha exposición que máis alá do seu valor conceptual, é tamén de gran valor técnico e artístico. Un tesouro, ou mellor dito 52 tesouros debuxados pola man dunha autora sensible e comprometida coa súa realidade social», indicou a edil de Igualdade estradense, Amalia Goldar, que xunto coa artista presentou onte esta mostra, que se poderá visitar, pola semana, de 9.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
Así, Goldar dirixiuse á artista para dicirlle que «só quero felicitala por este fenomenal traballo e dicir que é moi necesario de cara a acadarmos unha igualdade plena en termos de xénero, significar a relevancia que moitas mulleres, coñecidas ou anónimas, teñen na nosa sociedade».
Por outra banda, a edil estradense anunciou que o próximo martes entregarase o Premio al Labor da Muller Traballadora da Estrada.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta