O RECREO CULTURAL ESTREA ESTE XOVES O SEU PROGRAMA “MARZO, CON M DE MULLER”

-Entre outras actividades, inclúe un ciclo de ponencias e coloquios con Noni Araújo, Rosa de Cabanas, Laura Filloy e A Banda da Loba

-Porá o acento na figura de dúas mulleres da Estrada con nome propio pero á sombra do seu home e do seu irmán: Virxinia Pereira e Avelina Valladares

 

 O Recreo Cultural da Estrada aposta este ano por introducir por vez primeira de xeito decidido a celebración do Día da Muller na súa oferta de actividades. A través de distintas convocatorias, esta sociedade estradense desenvolverá o programa “Marzo, con M de Muller” ao longo do vindeiro mes de marzo.

Partindo do feito que é esta unha entidade que reúne a máis de 400 familias da Estrada, a directiva que preside Iago González Beceiro quere significar o papel fundamental da muller en distintos ámbitos, nomeadamente, nos eidos laborais e culturais, poñendo o acento na importancia de promover unha educación igualitaria e de corresponsabilidade no seo dunha sociedade tan numerosa coma esta.

“Marzo, con M de Muller” centra a súa primeira aposta, á que se irán sumando outras actividades das que se dará conta en próximas datas, nun ciclo de conferencias e coloquios que arrancarán xa este xoves, 3 de marzo. Será da man da profesora e fundadora da Asociación de Amas de Casa e Consumidores da Estrada, Noni Araújo. O Recreo Cultural quixo que sexa ela a encargada de dar a coñecer o perfil doutra veciña da Estrada, principalmente coñecida pola súa condición de muller de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Araújo trasladará múltiples notas da personalidade e da importancia de Virxinia Pereira, muller á que A Estrada ten adicada unha rúa e que continúa sendo, aínda a día de hoxe, unha gran descoñecida para o común da veciñanza.

Ademais de compartir as súas vivenzas con Virxinia Pereira, logo da amizade que as uniu nos últimos anos de vida da muller que acompañou a Castelao nos moitos avatares da súa vida -incluindo a dor do exilio-, Noni Araújo relatará para tódolos asistentes unha experiencia que tamén lle toucou vivir en primeira persoa e con papel protagonista: o traslado dos restos mortais de Virxinia Pereira e do seu fillo con Castelao para descansar por sempre xuntos no cemiterio parroquial de Figueiroa, na Estrada.

Este primeiro coloquio do programa “Marzo, con M de Muller”, celebrarase este xoves ás 19.00 horas. Será o primeiro dun total de catro ponencias coas que se quere presentar o labor de mulleres estradenses con nome propio. Despois de Noni Araújo -mestra de moitas xeracións de estradenses- e Virxinia Pereira, o venres 11 de marzo, ás 20.00 horas, tomará o relevo a ilustradora e deseñadora Rosa Herraiz, coñecida profesionalmente como Rosa de Cabanas. Natural da parroquia estradense de Ouzande, Rosa de Cabanas é, sen xénero de dúbidas, a autora da imaxe que está detrás da convocatoria cultural do Concello da Estrada, xa que os carteis promocionais de multitude de eventos organizados no ámbito municipal xorden do seu maxín. Súas son tamén aplaudidas ilustracións de mulleres como Rosalía de Castro, Virxinia Pereira, Xela Arias, Concepción Arenal, Ania Miranda, Emilia Pardo Bazán, Ana Kiro, Maruxa Mallo e un longo etcétera. A partires desta colección xorde Mulleres Valentes, un calendario que estes días se convertirá en exposición na Estrada e que recolle as moitas ilustracións coas que Rosa Herraiz lembra a pegada de mulleres que, dun xeito ou doutro, merecen o seu propio capítulo na loita pola reivindicación dos dereitos da muller e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O 18 de marzo será o turno da xornalista Laura Filloy Martínez. Natural da parroquia estradense de Cereixo e afincada en Vigo, Laura traballa na publicación especializada en divulgación científica en lingua galega GCiencia. Autora de distintos estudos no eido feminista, esta xornalista asina tamén un dos poucos traballos publicados sobre a figura da tamén estradense Avelina Valladares Núñez, a quen ela bautiza co nome da “muller sen rostro”. Nesta ponencia dará a coñecer a importancia desta estradense, para moitos totalmente ignorada, da que a historia se encargou de nomear sempre seguida da súa condición de irmá de Marcial Valladares. A chamada Cantora da Ulla é tamén a primieira muller que publicou opinión en prensa escrita, unha cuestión que abordará Filloy na súa comparecencia.

Finalmente, o venres 25 de marzo serán as integrantes do grupo musical A Banda da Loba as que poñan o broche de ouro para estas sesións. A formación está integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo no que se mesturan temas de pop, folk, blues e outros de corte máis tradicional. A muller está moi presente nas súas letras, integradas en traballos como Fábrica de luz, Bailando as Rúas e Hasme ír. Entre as súas integrantes figuran Andrea e Marcela Porto, que se unen neste proxecto musical a Xiana Lastra, Estela Rodríguez e Inés Mirás. En 2021 o grupo foi galardoado cun dos Premios Martín Códax.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta