A FEIRA DO LIBRO ABRE O SÁBADO UN PROGRAMA DE PRIMAVERA QUE FÍA LITERATURA, TEATRO E MÚSICA EN DIRECTO

 

 

  • Inclúe concertos de Dani Barreiro Dúo, The Bichos Band ou un tributo acústico á música de Joaquín Sabina
  • As Andainas do Recreo animarán aos socios a sumarse a rutas circulares de sendeirismo no mes de maio
  • A compañía Malasombra achegará o teatro á entidade, coa súa obra Go on

Unha feira do libro será a encargada de iniciar, este sábado, a
programación de primavera do Recreo Cultural da Estrada. Con Follas Novas, Follas Vellas
arrancará unha sucesión de citas que busca encher as instalacións de literatura, música e
teatro, tecendo un tapiz no que, unha vez máis, a cultura e o recreo honren o nome desta
antiga e numerosa sociedade estradense. Para a súa elaboración, a entidade agarda contar coa
colaboración da Deputación de Pontevedra e Concello da Estrada, ademais de abrir as súas
apostas ao patrocinio de entes privados.
 9 de abril: Follas Novas, Follas Vellas: Está todo listo para acoller este sábado a que
será a primeira edición desta feira do libro, na que se une a venta de libros coa
distribución de exemplares de segunda man cun carácter solidario a prol da Asociación
Síndrome de Angelman (ASA). O evento será ABERTO AO PÚBLICO EN XERAL, sexan
ou non socios, e terá un horario de 11.00 a 20.00 horas.
Ás 11.00 quedará inaugurada a feira coa apertura dos postos que nela terán as
librarías Marxe, Durán, Pintaletras e Lolimay, ás que se sumará a tamén estradense
Editorial Raposeiras. A esa hora comezará tamén a funcionar o posto Follas Vellas,
dende os que se comercializarán os libros doados ao longo destes últimos días.
Venderanse a dous, tres e cinco euros.
“Énchenos de orgullo a resposta ofrecida polos socios, e tamén por persoas
alleas ao Recreo Cultural, aportando os seus libros a esta causa. Só nos queda agora
esperar que se vendan para recadar a suma máis alta posible para a asociación que
axuda a nenos con síndrome de Angelman e ás súas familias”, apunta o presidente do
Recreo Cultural, Iago González Beceiro. O citado colectivo estará representado na feira

con material divulgativo da súa actividade. A recollida de libros de segunda man foi
todo un éxito e permitiu obter numerosos e interesantes exemplares bibliográficos
para lectores de tódalas idades.
Dende as 11.30 horas comezarán a chegar os autores convidados para asinar e
vender os seus libros. Serán Andrea Valcárcel, Susana Sánchez Aríns e Chus Iglesias,
ás que se sumarán pola tarde Xosé Luna, Rosalía Morlán e Charo Golmar.
As 12.00 a música e o baile das escolas de Tequexetéldere entrarán en escena, da man
de medio cento de bailadores e pandereteiras que irán desfilando en sucesivos
números. Unha hora máis tarde arranca o obradoiro infantil de Blackout Poetry. Xa de
tarde, ás 16.00, está programado un Escape Room inspirado en contos e grandes
clásicos la literatura infantil. Ás 18.00, Luna, Morlán e Golmar uniranse nuna
presentación de varias das súas obras, musicada por Manoele de Felisa. Xa ás 19.00
será a quenda dos adultos para iniciarse na Blackout Poetry, da man de Laura Filloy.
Ademais, Follas Novas, Follas Vellas dará a oportunidade de facerse con
números antigos da publicación anual do Museo do Pobo Estradense, A Estrada.
Miscelánea Histórica e Cultural, para aqueles que coleccionan esta revista e non
puideron facerse con algún dos exemplares máis antigos.
A feira contará tamén con un recuncho para xogar coas letras, onde, ao longo
de todo o día os máis pequenos poderán experimentar co lettering, sopas de letras,
encrucilladas ou labirintos.
 SÁBADO 23 DE ABRIL: O mes do libro continúa no Recreo Cultural, coa presentación,
no día propio do libro, dun poemario de J.L. Graña Muiño, publicado en Medulia
Editorial. O acto inclúe análise e recitado de textos e contará coa participación de Xosé
Manuel Lobato, Pilar Bernárdez, Xosé Luna, Ángeles Madriñán e Noa Cabaleiro, xunto
co propio autor.
 DOMINGO, 24 DE ABRIL: Neste día de primavera comezan as Andainas do Recreo, un
programa de rutas que terán saída e chegada nas instalacións da entidade. Os
participantes terán que inscribirse e aportarán unha simbólica cantidade a xeito de
copago para contribuír á valorización da actividade. Percorrido de dez quilómetros.

 SÁBADO 30 DE ABRIL. FESTA DA PRIMAVERA. Será todo un día destinado a celebrar
xuntos a alegría e rexurdimento propios da estación que da nome a este evento. Os
socios poderán convidar a unha parella non socia a sumarse á festa. A sesión vermú
contará con Dani Barreiro Dúo, ás 13.00 horas, para ir abrindo boca de cara a un
xantar popular de confraternización. Xa pola tarde voltará a música, da man dun
concerto de The Bichos Band.
 DOMINGO 1 DE MAIO: Continuarán os eventos de marcado acento cultural, desta
volta coa presentación dun libro do músico estradense Manuel Brey, centrado na
emigración.

 DOMINGO 8 DE MAIO: Unha nova cita das Andainas do Recreo, neste caso cun
percorrido de 14 quilómetros.

 SÁBADO 28 DE MAIO. Neste día serán os amantes da música de Joaquín Sabina os que
estean de noraboa. O Recreo Cultural acollerá un acústico do grupo La penúltima
sabinera, unha agrupación tributo ao célebre cantante.

 SEGUNDA FIN DE SEMANA DE XUÑO: Co arranque do mes de xuño chegará,
previsiblemente na segunda fin de semana, a apertura das instalacións acuáticas do
Recreo Cultural. Desta volta está programada unha festa de apertura con xogos
infantís, deporte e música. Haberá inchables para os nenos, un torneo de pádel (aberta
a xogadores non socios, con dez euros de inscrición) e música a cargo dun DJ.
 VENRES, 17 DE XUIÑO: A compañía estradense Teatro Malasombra, dirigida por
Xoque Carbajal, porá en escena nos salóns da entidade a súa obra Go on.

 XOVES, 23 DE XUÑO: O verán recibirá a benvida no Recreo Cultural coa clásica Festa
de San Xoán. Non faltará a gastronomía máis típica desta data nin tampouco a música.
Para a ocasión o grupo escollido foi Dani Barreiro&Friends. Ao seu son chegará o
momento de saltar a cacharela nesta noite máxica do solsticio de verán.
A programación de primavera terá no CAMPAMENTO DE VERÁN e nas actividades que xa se
están deseñando para as noites do estío o seu relevo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta