O Concello retoma o Concurso Cabalar da Pascua
despois da pandemia con 1.750 euros en premios

 

O Concello, en colaboración coa Sociedade Cabalar da
Estrada (Socade), volverá celebrar o Concurso Cabalar da Pascua despois de dous anos
de parón pola pandemia. O evento terá lugar na feira do gando de Guimarei durante os
días 23 e 24 de abril, e pretende poñer en valor a importancia da tradición cabalar na
comarca estradense.
Durante os dous días haberá cadanseu certame para xulgar, por unha banda, os
exemplares participantes de pura raza árabe, e pola outra, os de pura raza española. Á
súa vez, estarán divididos nas categorías de sementais, eguas, poldros e poldras, que
optarán aos seguintes premios: 25 euros para os terceiros clasificados, 50 euros para os
segundos e 100 euros para os gañadores en cada categoría.
Segundo as bases do concurso, que serán aprobadas este luns 11 de abril na Xunta de
Goberno Local, adicaranse un total de 1.750 euros para premiar os mellores exemplares.
O xuíz Paulino Alonso Barral, especialista en concursos morfolóxicos, será o encargado
de valorar o paso, o trote e o galope dos animais inscritos.
Para poder participar, aquelas persoas que sexan propietarias de cabalos de pura raza
árabe ou española deberán inscribirse na feira do gando de Guimarei durante as datas da
celebración, o 23 e 24 de abril, como mínimo media hora antes de cada concurso.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta