O Concello da Estrada manterá aberto dende o luns 23
de maio ata o vindeiro 10 de xuño o prazo para inscribirse nos Campamentos de Verán
que ofertará durante os meses de xullo, agosto e ata o 7 de setembro.
Os campamentos desenvolveranse por quincenas -agás no mes de setembro- e irán
dirixidos aos rapaces e rapazas con idades entre os 3 e os 12 anos. O horario das
actividades será de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e terán lugar nas seguintes
instalacións: no eido rural, poderán participar 20 menores por quincena no CEIP de Oca,
CEIP do Foxo, CEIP Cabada Vazquez e CEIP Manuel Villar Paramá; e no casco urbano, cada
quincena haberá 40 prazas dispoñibles no CEIP Pérez Viondi.
O prezo da inscrición será de 35 euros por participante e quincena durante os meses de
xullo e agosto, e de 25 euros durante os días de setembro. Ademais, haberá un desconto
do 20% para o segundo membro da unidade familiar que se apunte e será de balde a
partir do terceiro.
As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes de xeito presencial, no
Departamento de Servizos Sociais do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a
través da sede electrónica do Concello da Estrada. As solicitudes deberán ir acompañadas
da seguinte documentación: DNI do neno/a; DNI dos proxenitores ou, se é o caso, dos
representantes legais; unha fotocopia do xustificante de ocupación laboral (valerá coas
dúas últimas nóminas, co certificado de vida laboral ou, no caso de ser traballadores por
conta propia, co último recibo da Seguridade Social); unha fotocopia da declaración do
IRPF dos proxenitores; e a maiores, aqueles que soliciten a bonificación polo segundo ou
terceiro irmán participante deberán presentar o Libro de Familia.
No caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas ofertadas, terán preferencia
no momento da inscrición os menores que estean empadroados no Concello da Estrada
e aquelas familias con rendas máis baixas.
O Concello da Estrada abrirá o luns o prazo para
inscribirse nos seus Campamentos de Verán
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































