O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, vén de facer
público que o Centro Dramático Galego (CDG) rematará a xira da súa obra “Ás oito da
tarde, cando morren as nais” con catro representacións na Estrada, dentro da
programación do Concello co gallo do 75 aniversario do Teatro Principal.
Durante a presentación do espectáculo, o edil de Cultura estivo acompañado do director
do Centro Dramático Galego, Fran Núñez. Na súa intervención, Juan Constenla convidou
á veciñanza a asistir a “unha das maiores estreas teatrais da tempada” e agradeceu a
colaboración do CDG para homenaxear o teatro estradense. Pola súa banda, Fran Núñez
quixo agradecer a invitación do Concello e destacou o importante retorno que terán as
representacións da obra no municipio, xa que “non sempre é posible asistir nunha vila a
un espectáculo destas dimensións”. Neste senso, explicou que se trata dun espectáculo
contemporáneo que xira arredor da figura do público e o seu texto, asinado por Avelina
Pérez, foi galardoado co premio Álvaro Cunqueiro.
A obra representarase no Teatro Principal durante os días 2, 3, 4 e 5 de xuño e será a
primeira vez que o Centro Dramático Galego realice un peche de xira fóra de Santiago. A
primeira función, o xoves 2 de xuño ás 10.00 horas, estará dirixida aos alumnos/as de
Secundaria e Bacharelato dos centros educativos da Estrada. O venres 3 e o sábado 4 de
xuño, haberá unha sesión ás 21.00 horas; e o domingo 5 de xuño celebrarase a última
representación ás 19.00 horas.
Aqueles que desexen asistir, poderán mercar as entradas a partir do luns 23 de maio en
horario de 9.00 a 14.00 horas no Departamento de Cultura do Concello, ou a través da
páxina web www.ataquilla.com. O prezo das entradas será de 5 euros, cun desconto do
40% para os seguintes colectivos: persoas xubiladas, maiores de 65 anos, xornalistas,
estudantes, usuarios do carné xove, persoas desempregadas, familias numerosas,
profesionais das artes escénicas e antigos alumnos da USC.
Para completar a promoción do evento, o Centro Dramático Galego colocará manteis co
cartel da obra nos locais hostaleiros estradenses. Ademais, proporcionará un servizo de
autobús para facilitar que se acheguen espectadores doutros puntos de Galicia ao Teatro
Principal da Estrada.






































