O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla, fixo
fincapé esta mañá na necesidade de realizar un consumo responsable de auga despois
de coñecer que na parroquia de Codeseda “estase a consumir case catro veces máis auga
que hai un mes”. Concretamente, nas últimas 24 horas consumíronse 85 metros cúbicos
cando na mesma data do mes de xuño empregábanse 23.
A pesares deste incremento, o edil de Medio Ambiente aclara que “grazas á mellora da
súa captación levada a cabo polo Concello”, para a que o goberno local investiu 150.000
euros, só houbo constancia dunha incidencia no abastecemento de auga en Codeseda
producida hai dúas semanas a causa da vaga de calor que estaba a afectar a Galicia, e que
“foi solucionada coa máxima celeridade enviando dúas cisternas con auga para recuperar
o seu nivel”.
O aumento do consumo de auga estase a rexistrar tamén en todo o casco urbano do noso
municipio, o que conleva a que a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) ubicada
en Parada vexa limitada a súa capacidade e teña que bombear máis cantidade de auga
para poder responder á demanda.
Con todo, Constenla asegura que a subministración de auga da captación de Codeseda e
da traída municipal, que se distribúe por todo o casco urbano e parte dos núcleos rurais
máis próximos, está garantida “polo momento”, aínda que é preciso evitar o seu uso
indebido para labores de regadío ou para encher piscinas, co obxectivo de obter unha
maior capacidade de abastecemento. De non ser así, “teranse que levar a cabo medidas
restritivas dende o Concello”, explica o edil.
Constenla chama ao consumo responsable de auga
tras multiplicar por catro o seu uso en Codeseda
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































