O Concello da Estrada celebrará mañá, ás 20.30 horas,
unha Comisión de Facenda na que o goberno local presentará a Conta Xeral
correspondente ao exercicio do 2021. Unhas contas das que o concelleiro de Facenda,
Alberto Blanco, puxo en valor “a capacidade de xestión do goberno local para conseguir
recursos extraorzamentarios”, o que permitiu incrementar en 17,2 millóns de euros os
13,7 millóns do orzamento inicial ata acadar os 30.943.053,67 euros.
O edil de Facenda subliñou que “o esforzo do Concello para mellorar as infraestruturas
públicas permitiu acadar a cifra récord de 14,9 millóns de euros de investimento”
situando a partida adicada a esta finalidade nos 15.463.336,52 euros, que se empregaron
en proxectos como a remodelación da Praza da Feira, o cambio das luminarias do rural,
a peonalización de varias rúas do casco urbano ou os asfaltados dos viais das parroquias.
Esta capacidade inversora reflexouse do mesmo xeito no aumento do valor patrimonial
en 1,7 millóns de euros.
O concelleiro de Facenda tamén destacou a “capacidade de aforro” do goberno local,
que permitiu pechar o exercicio do 2021 con 3,02 millóns de euros de remanente de
tesourería. Grazas a isto, serán empregados durante este ano 1.143.100 euros dese
remanente a través do recoñecemento de crédito extraordinario e incrementando o xa
existente para mellorar infraestruturas, apoiar iniciativas locais e acometer actuacións
imprevistas que respondan ás demandas da veciñanza.
En concreto, a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) recibirá unha aportación
extraordinaria de 135.000 euros, que se vén concedendo dende o ano 2020 co obxectivo
de apoiar iniciativas como o Mercado de Verán ou as campañas do Nadal que fomenten
o comercio local no municipio. Ademais, contémplase adicar 98.000 euros para posibles
adquisicións de terreos por parte do Concello; outros 255.500 euros irán adicados á
mellora de infraestruturas viarias tanto no rural como no casco urbano da Estrada; e
5.000 euros destinaranse a mellorar a instalación do aire acondicionado na Escola Infantil
A Galiña Azul.
A maiores, tamén se incrementarán partidas xa contempladas no orzamento cos
seguintes investimentos contemplados: 30.000 euros para mellorar as instalacións dos
distintos centros educativos do municipio; 150.000 euros co obxectivo de financiar
actividades culturais e festexos populares; 85.000 irán adicados a facer fronte a posibles
imprevistos nas obras de construción da pista de atletismo; 17.000 euros empregaranse
para a organización e a promoción de eventos e campañas que visibilicen aos produtores
locais; 20.600 euros adicaranse para o pago da sinalización de rutas turísticas; e 120.000
para facer fronte aos gastos de subministración nas vías urbanas e rurais.
“Sempre nos caracterizamos por ser prudentes e asegurar a sostibilidade financieira ante
as malas previsións de cara ao futuro derivadas da situación económica adversa que
estamos a atravesar, por este motivo quedarán dispoñibles dous terzos do remanente
que garantirán a nosa solvencia para poñer en marcha novos proxectos no futuro”,
asegurou o edil.
O Concello presenta a Conta Xeral do 2021 cun
incremento de 17,2 millóns sobre o orzamento inicial
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































