O edil de Comercio, Óscar Durán, presentou esta mañá
xunto con varios representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) a
programación da terceira edición do Mercado de Verán, que se celebrará na Praza do
Concello e na Alameda Municipal dende o 19 ata o 21 de agosto e contará coa
participación de 22 comercios estradenses.
Na súa intervención, Óscar Durán quixo animar á veciñanza a participar “nunha das
campañas máis fortes de todo o ano, na que o Concello leva facendo un esforzo especial
para dinamizar o pobo e apostar polo comercio local dende o comezo da pandemia”.
Pola súa banda, o presidente de ACOE, Alfredo González, agradeceu a implicación do
Concello para facer posible o Mercado de Verán “grazas á subvención extraordinaria que
recibimos por terceiro ano consecutivo” e amosou o seu desexo de superar os 7.000
visitantes que rexistrou a edición pasada durante os tres días. González tamén explicou
que este ano haberá menos participantes “debido ao peche dalgún establecemento ou á
ausencia de persoal suficiente”, e avanzou que “haberá descontos en moitos dos postos
de venda”.
Os postos de venda permanecerán abertos durante as tres xornadas de 10.00 a 14.00
horas e de 17.00 a 21.00 horas. Neles poderanse atopar produtos de todo tipo e a entrada
será de balde. Ademais, aquelas persoas que realiccen unha compra de 20 euros poderán
participar nunha ruleta con premios como desgustacións ou vales de compra por valor
de 6.000 euros en total para gastar entre os establecementos participantes, cada un deles
cun importe que irá dende os 5 ata os 200 euros.
Como novidade, este ano haberá un parque infantil con inchables para os máis cativos
ubicado na Alameda Municipal, nun recinto pechado e baixo a supervisión de monitores
para facilitar as compras dos adultos. O parque estará aberto durante os tres días de
12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e será gratuíto durante unha hora para
aquelas persoas que realicen unha compra mínima de 5 euros. De non mercar nada no
Mercado de Verán, deberán pagar 10 euros para acceder ao parque durante unha hora.
Paralelamente, os días nos que se desenvolverá o Mercado haberá actuacións para todos
os públicos “logo de que funcionaran extraordinariamente ben o ano pasado”, explicou
o presidente de ACOE.
As actividades comezarán o venres 19 ás 12.30 horas coa actuación musical do grupo Os
Lóstregos. Xa pola tarde, ás 17.00 horas Os Bolechas ofrecerán unha actuación para os
máis cativos e ás 19.00 horas será a quenda do grupo Supermirafiori.
O sábado 20, ás 12.30 horas actuarán Os Intrépidos do Ulla. Ás 17.00 horas haberá un
espectáculo de maxia e ás 20.00 horas terá lugar a actuación de Skanderani.
A xornada do domingo 21 comezará coa actuación de Decotío Gaiteirxs ás 12.30 horas.
Pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas realizarase un obradoiro de maquillaxe e pechará a
programación das actividades o concerto de Os John Deeres, ás 20.00 horas. A maiores,
durante a tarde do sábado 20 e do domingo 21, a batucada Os Vikingos percorrerá a
Alameda Municipal e mais a Praza do Concello.
A Estrada acollerá a III edición do Mercado de Verán
do 19 ao 21, coa participación de 22 comercios locais
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































