O alcalde da Estrada, José López, reunirase co actual
presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, “ao longo do mes de setembro” co
obxectivo de “plantexar un calendario crible no que se concreten os prazos de execución
e se contemplen as posibilidades a nivel orzamentario” para lanzar a licitación da
ampliación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) despois do remate do verán.
Esta decisión chega logo de publicarse o informe favorable de impacto medioambiental
pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental para a continuación da AG-59, co que se pon
fin á tramitación ambiental do proxecto “cumprindo os prazos establecidos na última
reunión que mantiven co anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, celebrou
López.
A Consellería de Medio Ambiente xa trasladou o proxecto á Axencia Galega de
Infraestruturas para que poida continuar coa realización de trámites como o informe de
supervisión do proxecto de cara ao comezo da execución das obras. Os traballos
levaranse a cabo en dous treitos. O primeiro, dende A Ramallosa a Pontevea, cun
investimento de 30 millóns de euros e unha lonxitude de 3,7 quilómetros. O segundo,
dende Pontevea a O Rollo, con algo máis de catro quilómetos e un custo de 40 millóns de
euros.
As obras comezarán polo primeiro treito, para o que se están a reunir os informes
técnicos precisos co obxectivo de licitar as obras o antes posible. “Seremos contundentes
á hora de reivindicar esta obra, que favorecerá o crecemento empresarial do noso
municipio e transformará o noso concello nos vindeiros anos, co obxectivo de que pronto
poida ser unha realidade”, expresou o alcalde.
O rexedor local tamén recordou que “A Estrada amosouse sempre comprensiva e
paciente coa Xunta de Galicia ante a gran magnitude desta obra, cun investimento de
case 10 millóns de euros por quilómetro, pero cremos que é o momento de concretar os
prazos e ser realistas”. “É irrenunciable entrar no eixo de comunicacións por vía rápida
de Galicia que vertebra Santiago co norte da provincia de Pontevedra, e non plantexamos
outro escenario”, engadiu López.
López abordará en setembro co presidente da Xunta
a licitación da ampliación da AG-59 ata Pontevea
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































