A Estrada prevé humanizar o segundo tramo de Justo Martínez o vindeiro ano
A humanización do tramo Justo Martínez entre a rúa Calvo Sotelo e a Praza do Concello supuxo unha mellora que marcou a diferenza co outro tramo da rúa, o que vai de Calvo Sotelo a San Antón. A diferenza entre as dúas zonas é evidente. Porén, dende o Concello estradense anuncian actuacións para homoxeneizar a rúa.
Segundo o edil de Urbanismo, Gonzalo Louzao, o goberno prevía nos seus plans a curto prazo a mellora do tramo pendente de Justo Martínez. O proxecto aínda non está redactado, pero a intención é crear unha plataforma única e retirar os bolardos. Neste caso, ao non existir bares que necesiten expoñer terrazas, está previsto o mantemento das prazas de aparcamento, ademais de crear unha zona de carga e descarga e un espazo para minusválidos para dar servizo á clínica situada nesta rúa.







































