o O proxecto, inicialmente previsto para acometer con fondos propios, será
financiado polo Plan Concellos e actuará nas parroquias de Arnois e Oca cun
orzamento de 435.000 euros
o O alcalde explica que “a intención do goberno local é liberar eses 435.000 euros
para levar a cabo as obras de mellora do campo de fútbol de Vea con fondos do
Concello”, ante a imposibilidade de realizalas con fondos da Deputación ao carecer
da titularidade do terreo
O goberno local do Concello da Estrada ten previsto
aprobar fóra da orde do día no pleno ordinario que se celebrará mañá un aumento do
límite de gasto para o ano 2023 da obra “Pavimentación de vías rurais no Concello da
Estrada”, que será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
cun orzamento de 435.000 euros.
Estes traballos prevén un investimento de 60.708 euros durante este ano e de 374.620
euros para o 2023, e consistirán na limpeza de cunetas e mais no asfaltado dos viais dos
seguintes lugares das parroquias de Arnois e de Oca: As Neves, A Veiga, A Carballeira, A
Granxa, A Quenlla, A Reiga, O Carballal, Moimenta, A Grela, Igrexa e Os Besteiros.
Inicialmente, o Concello tiña previsto financiar este proxecto con fondos propios, dentro
da partida de 800.000 euros procedentes do crédito extraordinario adicados a acometer
as tarefas de asfaltado no rural. O alcalde, José López, subliñou que “o investimento do
goberno local na mellora das vías rurais será o mesmo, 800.000 euros, o único que muda
agora é que parte desa cantidade será financiada con cargo ao Plan Concellos”.
“A intención do goberno local é liberar eses 435.000 euros para poder levar a cabo as
obras de mellora do campo de fútbol de A Nogueira, comprometidas coa veciñanza de
Vea”, explicou o alcalde. Estas actuacións, que inclúen a dotación do campo de céspede
sintético, a creación dun sistema de regadío e unha mellora da súa iluminación, estaban
contempladas nun primeiro momento dentro do Plan Concellos 2022-2023, pero “foi
imposible», xa que a Deputación “esixiu nas súas bases que o terreo sobre o que se tiña
previsto actuar fose propiedade do Concello ou fose cedido polos veciños de maneira
indefinida”, explicou López.
O rexedor local asegurou que o seguinte paso será a aprobación do cambio de destino
do préstamo extraordinario, co obxectivo de que 435.000 euros de fondos propios do
Concellos sexan adicados agora ás actuacións de mellora no campo de fútbol de Vea.
“Temos un compromiso firme con este proxecto e faremos todo o posible para que se
poidan licitar as súas obras canto antes”, subliñou o alcalde.






































