José Miñones exemplifica na Estrada o compromiso do Goberno co municipalismo con investimentos de máis de 7 millóns

O delegado del Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe no Concello da Estrada o compromiso do Goberno co municipalismo. José Miñones sinalou que “A Estrada é un exemplo de como o Goberno aposta por mellorar os servizos públicos e a calidade de vida de todos os galegos e galegas, no marco da aposta do Executivo de Pedro Sánchez por facer chegar o Plan de Recuperación a cada recuncho do país”.
 
O delegado do Goberno desprazouse hoxe ata o Concello da Estrada xunto coa subdelegada na provincia, Maica Larriba. Alí, mantivo unha reunión co alcalde, José Campos, para abordar os investimentos estatais no municipio e coñecer as súas demandas.
 
Durante o encontro, José Miñones anunciou que o Concello da Estrada é un dos 8 concellos da provincia que poden optar, xunto coa deputación, ás novas subvencións para a dixitalización das entidades locais.
Lembrou que na convocatoria de 2022, o Ministerio de Política Territorial abriu estas axudas para municipios de entre 20.000 e 50.000 habitantes e puxo ao dispor do territorio galego unha inxección económica de preto de doce millóns de euros. “O obxectivo é inxectar 12 millóns do Fondo de Recuperación en Galicia, e, en concreto, catro millóns na provincia de Pontevedra, para que as administracións locais faciliten as xestións á cidadanía, con propostas innovadoras que mellorarán a prestación dos servizos públicos”, destacou.
 
O delegado detallou que no caso da Estrada, o Concello pode beneficiarse dunha subvención de 140.900 euros. Así llo trasladou ao alcalde, a quen pediu concretar esta axuda en proxectos que permitan modernizar os servizos públicos municipais. “A convocatoria está aberta ata o 15 de decembro e animo ao alcalde a aproveitar esta importante oportunidade para facer da súa administración local unha ferramenta máis próxima e accesible para a cidadanía. Non podemos perder nin un so euro para a recuperación de Galicia”, incidiu.
 
Nova solución para a N-640
 
José Miñones valorou tamén outros investimentos do Goberno no municipio, como a variante N-640, “unha obra de vital importancia para a localidade e a provincia e coa que o Goberno está comprometido, tal e como o evidencia a partida de medio millóns de euros que lle reservan os Orzamentos Xerais do Estado para 2023”.
 
O delegado explicou que a obra “viuse ralentizada pola aparición do Castro de Preguecido e os correspondentes informes de Patrimonio da Xunta de Galicia, pero continúamos avanzando e traballando por facela posible”. Neste sentido, explicou que vaise licitar un novo contrato de servizos que inclúa a tramitación ambiental necesaria e que adapte a redacción do proxecto á nova solución acordada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
 
Esta nova solución modifica o trazado no tramo que afecta ao Castro de Preguecido mediante a construción dun túnel de 330 metros para evitar a alteración deste elemento patrimonial. O delegado advertiu que “a construción do túnel requirirá, non obstante, novos estudos hidroxeolóxicos para analizar os seus posibles impactos”.
 
Dixitalización co Plan ÚNICO Banda Ancha
 
José Miñones avanzou que A Estrada está incluída nas dúas convocatorias -2021 e 2022- de dotación de internet de alta velocidade que financia o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que se vehiculan a través do Programa ÚNICO Banda Ancha.
 
O Ministerio financia con este programa ata o 90% dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc.) nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar a conexión de alta velocidade (superior a 300mb) a zonas sen cobertura. Entre as dúas convocatorias do Plan ÚNICO, o Goberno inviste na provincia de Pontevedra 16,2 millóns de euros para levar a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 41.289 vivendas e empresas da provincia.
 
No caso da Estrada, o Programa ÚNICO posibilitará a conexión de alta velocidade de 739 puntos nos que se localizan 1.941 vivendas e empresas: “Estamos a falar de garantir a conectividade máis de 300 megas a máis de 700 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”, subliñou o delegado do Goberno.
 
6,8 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética
 
José Miñones lembrou tamén que A Estrada recibiu case 7 millóns de euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para renovar as luminarias das súas zonas rurais. Un proxecto que, segundo informou o alcalde está a piques de ser rematado, e permitirá mellorar a eficiencia enerxética do municipio e reducir a súa factura da luz.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.