O Proxecto Onda ODS, no que participan máis de
300 medios locais de todo o Estado, e do que forma parte Radio Estrada,
arranca este mes de outubro os seus cursos de pódcast. Ademáis de
entrevistas, vídeos e cápsulas informativas encamiñadas a sensibilizar á
cidadanía e fomentar a reflexión na audiencia arredor dos obxectivos recollidos
pola ONU na Axenda 2030, Onda ODS pon o foco na formación con cursos de
15 horas de duración.
Dende o venres 13 de outubro ata o día 11 de novembro, o CEIP San
Ramón de Moeche, o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño de Cabanas e a aula
multimedia da Fundación Cultural serán o escenario das aprendizaxes
radiofónicas que os alumnos e alumnas recibirán da man dos locutores Susana
Falcón (Radiofusión) e Pablo García (Radio Estrada). As claves dunha correcta
locución, a redacción, os diferentes textos radiofónicos, así como tamén o
manexo das novas tecnoloxías para crear os seus propios podcast, centrarán
boa parte dos contidos que se abordarán neste obradoiro. Ademáis, os
participantes neste ciclo de formación gravarán cinco podcast que se poderán
escoitar nas distintas canles de comunicación do proxecto Onda ODS e que
serán emitidos por Radiofusión.
A Axenda 2030, aprobada o 25 de setembro de 2015 e firmada polos
193 estados membros, aglutina 17 obxectivos e 169 metas vinculadas ás
esferas económica, social e ambiental cos que incidir positivamente na vida
das persoas, na conservación do planeta e nos niveis globais de prosperidade
da poboación mundial.
Co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, máis de 300
medios locais de todo o Estado deseñaron o proxecto ONDA ODS, que aspira
a divulgar estes obxectivos e propósitos cun enfoque próximo, presentando
casos concretos e dando visibilidade a iniciativas que, desde o local, loitan en
2
favor do medio ambiente, o despoboamento do rural ou a desigualdade de
xénero.
As Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión) en asociación
con Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), La Xarxa-Radio Televisión
Cardedeu (Cataluña) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios están detrás do
proxecto ONDA ODS que, como parte da súa estratexia de comunicación, dará
voz a todas aquelas persoas e iniciativas que traballan a prol destes valores ao
longo de todo o territorio galego. Facer fronte á emerxencia climática e
ambiental, pechar a brecha de xénero e poñer fin a discriminación, superar as
ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado, erradicar a
precariedade laboral, acabar coa pobreza, reverter a crise dos servizos
públicos, loitar contra a inxustiza global, revitalizar o noso medio rural e
enfrontar o reto demográfico serán as cuestións abordadas neste proxecto.
Para coñecer máis sobre as características do proxecto Onda ODS pódese
consultar a súa web www.ondaods.org e os seus perfís nas redes sociais
(Facebook, Twitter e Instagram).






































