O padroado dos Premios san Martiño, por medio da presente nota, pon no seu coñecemento
que, este luns 24 de outubro, celebrou unha reunión para fallar os Premios San Martiño do ano
2022, que serán entregados nun acto aberto a todo o público na segunda semana de novembro no
Teatro Principal da Estrada.
Os premios, concedéronse nas súas 3 modalidades,
A Estrada e Comarca de Terra de Montes
Galicia Enteira
Toda unha vida
PREMIOS S. MARTIÑO
GALARDOADOS 2022
Premio á difusión da lingua na comarca
de Tabeirós Terra de Montes:
Outorgado ás empresas Ausama-Ausavil
As empresas Ausama (Lamela) e Ausavil (A Estrada) dirixidas polos irmáns Antonio e Miguel
Villar Costoyas, inician a súa andadura hai 30 e 20 anos, respectivamente. Situada na parroquia de
Matalobos (A Estrada), Ausavil dedícase á fabricación e venda dunha ampla gama de maquinaria e
accesorios relacionados co sector forestal, xardinería, horta, enoloxía, oleomaquia, equipos de
limpeza e auga a presión para lavados. Situada na parroquia de Lamela (Silleda), Ausama dedícase
á importación e distribución de maquinaria agrícola e gandeira. Estas firmas convertéronse, da man
dos seus propietarios, nun foco emprendedor de proxectos culturais que tiveron na lingua galega a
súa canle de referencia, sendo quen de normalizar o seu uso no ámbito das relacións comerciais e
industriais.
Premio á normalización no ámbito galego:
Outorgado a Tanxugueiras
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras. Tres cantareiras para unha nova
década. Capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos,
más cercanos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu apoderamento, a súa contundencia e o
seu virtuosismo vocal son os máximos exponentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, das mulleres que traballaron por manter viva a música
tradicional galega, para revisionalo e ofrecerllo, de novas, ao mundo nunha explosión de
modernidade, e cunha forza ancestral que as está a facer triunfar a nivel nacional e internacional.
O fenómeno Tanxugueiras conseguiu vertebrar, por outra banda, entre a mocidade galega unha
corrente de predisposición en favor do uso do noso idioma, demostrando que a nosa lingua pode
chegar a calquera ratio de poboación e a calquera lugar do mundo.
Premio á normalización durante toda unha vida
Outorgado a D.a Mercedes Brea López
A estradense D.a Mercedes Brea López é catedrática xubilada de Filoloxía Románica na
universidade de Santiago de Compostela. Foi, nesta universidade, entre outros cargos, directora do
Servizo de Publicacións, vicerreitora de Profesorado e decana da Facultade de Filoloxía. Dirixiu
unha decena de proxectos de investigación do Plan Nacional, e varios de carácter autonómico,
ademais do proxecto Lírica gallego-portuguesa, que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a
Investigación en Humanidades. Precisamente, esta liña de investigación centrada na literatura
románica medieval ocupou e ocupa un lugar prioritario no seu traballo, así como o estudo do léxico
e a expresión lingüística na lírica galego-portuguesa do medievo.






































