Susana Camba: «PSOE e Unidas Podemos están cometendo un grave erro ao excluír da rebaixa do IVE a miles de persoas»
A concelleira do BNG, Susana Camba, anuncia que presentará por urxencia no pleno de mañá xoves unha moción para instar ao goberno español a baixar o IVE da bombona de butano e de propano.
Susana Camba explicou «que non se entende que o goberno que se autoerixe como o máis progresista do mundo deixe fóra da baixada do IVE do 21 ao 5% a este tipo de gas, que na maior parte do rural, mais tamén da vila, é a única alternativa que teñen para facer a comida ou quentar algo a casa».
A concelleira nacionalista afirma que «PSOE e Unidas Podemos están cometendo un grave erro ao excluír desta rebaixa a miles de persoas, moitas delas colectivos vulnerábeis como pensionistas». «Hai que ter en conta que o prezo dunha bombona de butano no mercado regulado é de 19,55 €, cando hai só dous anos era de 12,68 €», explica Susana Camba. «Pero no mercado libre o prezo do butano é aínda máis caro, podendo chegar as 23 ou 26 euros por bombona», engade.
«No BNG cremos que esta situación é inasumíbel e insoportábel para moita xente, tamén para moitos veciños e veciñas do noso concello, por iso presentaremos por urxencia unha moción para instar ao goberno español a rectificar, porque é de xustiza», explica a concelleira do BNG.






































