A Estrada celebrará a Feira do Mel o venres e o sábado

O Concello da Estrada celebrará o vindeiro venres e sábado a Feira do Mel na Praza de Abastos, un evento organizado polo Concello e por abelleiros da localidade que busca ser «unha homenaxe ás abellas e á súa importancia para a obtención de alimentos».O concelleiro de Comercio, Óscar Durán, e o abelleiro Xosé Manuel Durán, organizador desta cita, presentaron onte a iniciativa na Casa do Concello e desgranaron a programación da Feira. Nela participarán dez abelleiros da capital de Tabeirós-Terra de Montes e contará coa presencia de dous recoñecidos cociñeiros, que son o chef Iván Méndez e a reposteira Tere Rico. Ademais, o alumnado dos colexios Cabada Vázquez, de Codeseda, e Villar Paramá, de Vea, colaboran coa cita con debuxos de abellas e da súa importancia nos produtos alimentarios, uns deseños que ‘vestirán’ os botes de mel que se porán á venta durante a celebración da Feira. Tamén haberá, aparte de mel caseiro, un posto de material apícola.A inauguración terá lugar o vindeiro venres, ás 12.30 horas; e de 12.00 a 14.00 haberá unha degustación gratuita de platos elaborados con mel con Iván Méndez e Tere Rico, que volverán deleitar coas súas receitas aos asistentes á Feira do Mel o sábado no mesmo horario. Así mesmo, o sábado ás 10.30 horas terá lugar unha ‘viaxe sensorial’ por Galicia a través dos seus meles.Con esta cita o Goberno local pretende tamén dar a coñecer o produto local, que «ten un valor incalculable», dixo Óscar Durán.A partir de hoxe mesmo, os praceiros van agasallar aos seus clientes con rifas para sortear un lote de produtos das abellas. O sorteo, que será presencial, será o sábado, ás 14.00 horas, coincidindo co peche da Feira do Mel.

 
 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.