A Xunta de Galicia, a través da Consellería de
Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, vén de rematar co proceso de
modernización dos centros educativos públicos do Concello da Estrada tras investir case
1,2 millóns de euros ao longo deste ano e xa traballa no vindeiro gran proxecto nesta área
para o municipio, orientado á ampliación e creación de novos talleres de FP no IES Losada
Diéguez cun orzamento de 3 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou do estado dos
investimentos educativos globais realizados nos colexios e institutos do municipio
estradense na visita final de supervisión ás obras de rehabilitación integral e enerxética do
CEIP de Figueroa, onde estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César
Pérez, o alcalde, José López, e outros representantes municipais e educativos.
A rehabilitación integral e enerxética do CEIP de Figueroa que se realizou ao longo deste
ano supuxo un investimento da Xunta de 838.000 euros, que se destinaron á substitución
das fiestras, a mellora das cubertas e das fachadas, a instalación de falsos teitos, a
renovación dos sistemas de iluminación e á dotación de illamento térmico co obxectivo de
outorgar unha maior confortabilidade e eficiencia a estas instalacións.
Deste xeito, culminouse a modernización deste colexio público despois de que a
Consellería de Educación investirá 222.000 euros na última década en actuacións no
comedor, a cuberta ou o sistema eléctrico e de que se realizaran outras obras menores a
cargo do Concello da Estrada no que corresponde ao seu mantemento.
Ademais desta actuación, o departamento autonómico que dirixe Román Rodríguez tamén
rematou, entre o verán e o presente outono, a substitución de luminarias no IES Manuel
García Barros (81.000 euros) e no IES Número 1 (56.000 euros), a renovación de todas as
carpintarías exteriores do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda (143.000 euros) e a
instalación dun módulo exterior para aulas e outras obras no IES Losada Diéguez (63.000
euros).
“O resultado da mellora global dun centro tan importante e que ten centos de alumnos
como o de Figueroa é magnífico e vén a completar a modernización da práctica totalidade
dos colexios e institutos da Estrada, xunto coas demais obras realizadas este ano, e
demostra que a aposta da Xunta polas infraestruturas educativas da Estrada é un feito e
algo necesario tanto polo volume de alumnado como pola calidade do ensino”, sinalou o
representante autonómico.
Luis López indicou que a realización destes investimentos é merecida, necesaria e fácil de
levar a cabo “cando se trata dun Concello como o da Estrada co que hai un gran clima de
colaboración, porque sempre actúa con sensatez nas súas peticións e afronta cada ano de
xeito puntual os labores de mantemento que lle corresponden e outras obras, investindo
decenas de miles de euros nos centros públicos, polo que temos unha coordinación
engraxada e exemplar”.
Finalmente, o delegado territorial anunciou que a Consellería de Educación está a traballar
na actualidade na fase administrativa para a próxima licitación da obra de ampliación do
IES Losada Diéguez orientada á creación de novos e modernos talleres para a Formación
Profesional, unha actuación que comezará o vindeiro ano e que conta cunha partida
específica de 3 millóns de euros no proxecto dos Orzamentos da Xunta para 2023.
“Rematamos coa posta a punto de todos os centros deste concello, pero seguimos
totalmente implicados co ensino e estamos a avanzar a gran velocidade nun proxecto tan
ilusionante como o do Losada Diéguez, que vai ter un investimento moi potente e que vai a
marcar un antes e un despois na FP da Estrada e do norte da provincia”, concluíu o
representante autonómico.