LÓPEZ BUENO REPETIRÁ COMO CANDIDATO DO PSOE Á ALCALDÍA DA
ESTRADA

Luis López Bueno repetirá como candidato do PSOE á alcaldía
da Estrada. O pasado venres celebrouse Asemblea Extraordinaria da
Agrupación Socialista da Estrada na que se deu conta do proceso de primarias
para elixir candidato ás eleccións municipais no municipio e ratificouse o
proxecto de López Bueno para concorrer ás vindeiras eleccións municipais.
López Bueno agradeceu o respaldo sen fisuras dos militantes e simpatizantes
para continuar o camiño dun “proxecto político estable”. Indicou que a
decisión persoal “leva tomada dende o 27 de maio de 2019” e mostrouse
“motivadísimo” diante dunha “nova oportunidade para conseguir o cambio
que precisa A Estrada”.
Na súa intervención, o voceiro socialista destacou o traballo “incansable” do
Grupo Municipal Socialista neste mandato e instou ás bases a manterse
“pegadas á rúa e preocupadas polos problemas da Estrada”. Remarcou que o
PSOE da Estrada camiña “na boa dirección”, o que se reflexa nas posicións
que ocupa A Estrada nos órganos do PSdeG e tamén na rúa, onde “moitísimos
veciños e veciñas se achegan a nós para trasladarnos os seus problemas”.
Tamén se referiu aos principais retos que debe enfrontar A Estrada nos
vindeiros anos, como é corrixir a ausencia de política industrial, a ausencia
de política de vivenda, enfrontar con medidas “serias” o reto demográfico e
levar ás parroquias os servizos municipais: “políticas de verdade, non só
política de obras”.
Destacou que as cifras oficiais demostran que A Estrada perde veciños ano a
ano, que estamos no peor momento demográfico dos últimos 180 anos e que
a economía da Estrada se reduciu nun 3,2 % dende 2018 a 2020. “O que é
medible non é opinable: as cifras oficiais reflexan o resultado do Goberno do
PP. Hai que cambiar o goberno para poñer á Estrada na senda do crecemento”.
Recordou as propostas encabezadas polo PSOE durante o ano 2022, como foi
a moción para a solicitude dun Punto de Encontro Familiar, o inicio da
campaña de empadroamento (proposta socialista no 2020) ou a solicitude de
autorización para unha botica anexa na zona do Centro de Saúde de Oca.
Ademais avanzou as liñas que se seguirán nos vindeiros meses, que se farán
públicas “proximamente” nunha comparecencia pública, e detallou que o
comité electoral xa traballa na actualización de propostas de cara ao
programa das eleccións municipais.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.