A COMEDIA REGRESA AO RURAL DA
ESTRADA
Da man dos fondos #NextGeneration, o Concello
emprende este sábado una nova edición do ciclo Un
cómico na aldea por 20 parroquias

O ciclo Un cómico na aldea emprende este sábado unha nova xira
polo amplo rural estradense. Un total de 20 parroquias do municipio
sumaranse a unha proposta coa que o Concello da Estrada, ao abrigo
dos fondos #NextGenerationEU, busca favorecer a dinamización da
actividade cultural en todo o territorio municipal, estimulando a
“convivencia comunitaria e achegando o feito cultural ás nosas aldeas,
revitalizando os locais sociais e diversificando a oferta cultural”,
segundo indicou onte o edil de Cultura, Juan Constenla.
O concelleiro precisou que esta segunda edición chega despois de
que 14 artistas ofrecesen o pasado outono un total de 21
actuacións con preto de 1.000 espectadores acumulados. A nova
convocatoria bota a andar o sábado e continuará facendo chegar a
comedia ao rural estradense ata o domingo 5 de marzo, mes no que
este programa complementarase cunha nova entrega do ciclo O
Teleclube da Comedia.
Nesta nova aposta, Un cómico na aldea contará con Isi, Celso
Sanmartín, Chévere, Avelino González, Isabel Risco, Quico
Cadabal, Fede Pérez, Pablo Chichas, Miguel Guido, Ou Pai Xiao,
Ou Meigo Toño, Bandullo Azul, Chelo do Rejo, Toño Pena,
Gonzalo Valcárcel, Malasombra Teatro e a unidade de produción
da Escola Municipal de Artes Escénicas. De igual xeito, o Concello
contará para esta nova xira coa Coral Polifónica de Berres e a
guitarrista Isabel Rey Sanmartín, que se sumarán ao roteiro que se
celebrará en Berres na mañá do 18 de febreiro.
Nesta primeira fin de semana, o ciclo contará coas actuacións de
Isabel Risco en Tabeirós (mañá ás 20.00 horas) e coas de Chévere e
Celso Sanmartín nos locais de Santo André de Vexa e Santeles,
respectivamente. A primeira destas dúas actuacións será ás 18.00 e, a
segunda, ás 18.30.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.