Feira de Sementes & PlantónTradicionais da Fundación GALICIA VERDE

Esta 10ª edición supón o regreso da Feira despois de tres anos sen podela celebrar por mor da pandemia e as súas consecuencias directas (imposibilidade de darlle continuidade aos cultivos que tiñamos en marcha, coa conseguinte perda de colleitas e a demora en poder recuperar produción e zonas de cultivo).

Postos.- Nesta ocasión contaremos con arredor de 30 postos. Coma sempre, non queremos ampliar excesivamente o nº de participantes para poder garantir as mellores condicións posibles para cada posto; este ano con maior motivo, xa que se trata case de empezar de novo  e preferimos ir ‘crecendo’ de maneira gradual.

O contido dos postos divídese, coma sempre, en Alimentación e bebidas, con todo tipo de preparados a base de froitas e hortalizas, pans, biscoitos, tortas, galletas, cafés, infusións, cervexas artesás, deshidratados, conservas vexetais, zumes, bebidas fermentadas, mexilóns en conserva, filloas …  Este ano contaremos con dous vagóns de comidas (o que se coñece como ‘foodtruck’, pero que eu creo que ten forma de dicirse na nosa língua, non é?), un dos cales inicia a súa actividade na nosa Feira: desexámoslle unha magnífica estrea!

No apartado de Produción contamos con varios postos de mel e os seus derivados (xelea real, própole, pole, hidromel …); meles mono e multiflorais, vinagre de mel, licores, cremas e ungüentos obtidos do mel; plantón de horta e de aromáticas e medicinais; bulbos de flores; froitas e verduras de horta propia e de tempada; cremas e tinturas derivadas de plantón medicinal; viveiros de planta perenne comestible …

E no apartado de Varios, teremos sombreiros e outros obxectos elaborados con palla de centeo; xabóns e produtos cosméticos a partir de plantas de horta biodinámica; aceites esenciais de procedencia rural sostible; bálsamos, aceites para masaxes, pasta de dentes, chanpús; todo tipo de produtos de hixiene persoal e limpeza ecosostible vendidos a granel, reutilizando os envases plásticos; ambientadores naturais, velas, maquillaxes botánicas; impresións con tintas sobre algodón orgánico …

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.