A XLIX Festa do Salmón regresará a partir
do 17 de maio e ata o domingo, día 21, á Estrada cunha ampla oferta de
actividades para todos os públicos.
Hoxe presentouse o evento gastronómico nun acto celebrado na Sala de
Xuntas do Concello no cal o edil, Óscar Durán, anunciou a programación xunto
a representantes da hostalaría local e de Musikenos.
Na presente edición, as actividades darán comezo o mércores 17 de maio, con
motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas. Deste xeito, ás 12.00
horas farase o pregón conmemorativo do día e media hora máis tarde a Banda
de Gaitas de Barbude fará unha actuación. A xornada dará remate ás 13.00
horas co concerto de primavera da Banda de Música Municipal da Estrada na
Alameda.
O venres, día 19, a programación inclúe un roteiro de degustación de tapas de
salmón a partir das 12.00 horas, a inauguración da exposición ’Tecededoiras:
arte e talento na sombra”, na Sala Abanca ás 19.30 horas e unha nova ruta de
degustación de tapas de salmón ás 20.00 horas.
Pola súa parte, o sábado 20 celebrarase o VII Raid do Salmón na praia fluvial
de Liñares desde as 9:00 horas. Ás 10.00 horas terá lugar a apertura da mostra
da artesanía na Alameda, que xunto ruta de degustación de tapas de salmón
ás 12.00 e a sesión vermú na zona dos viños a cargo de ‘Satisfayers rock
band’, ás 13.00 horas, completarán a programación matinal.
Pola tarde, celebrarase o ráfting do salmón polo río Ulla ás 16.30 e logo o
Teatro Principal acollerá desde as 19.00 horas o festival folclórico do Salmón
con Tequexetéldere e o grupo de danza La Esteva de Segovia. Á mesma hora,
dará comezo o Salmón Rock. Posteriormente, ás 20.00 horas, terá lugar unha
nova ruta de degustación de tapas de salmón.
Ademais, a programación de sábado incluirá as seguintes actividades de rúa;
Nino&Mambrú, ás 17.00 horas na rúa Calvo Sotelo; Ikigai e Somos Circo, ás
18.00 e 19.00 horas, respectivamente, na Praza do Concello; e Mute, ás 20.00
horas na Praza do Novo Mercado.
Na xornada do domingo o programa comeza ás 10:00 horas coa apertura da
mostra de artesanía na Alameda Municipal. Ás 12:00 horas realizarase o
pregón da festa a cargo de Valentín García Gómez e celebrarase a imposición
dos ‘Salmóns de Ouro’ a Juan Andrés Fernández Castro e á Asociación
Maceira e Sidra da Estrada. A partir das 13:00 horas comezará a Degustación
popular de salmón na Praza do Mercado, que contará cun concerto por parte
da BigBand Carlos Barruso.
Xa cara a tarde, ás 19:00 horas, a Coral Polifónica Estradense ofrecerá un
concerto no Teatro Principal para clausurar a XLIX Festa do Salmón da
Estrada.
Os musikenos danlle continuidade ao ‘Salmón Rock’ coa súa segunda
edición
A Escola de música Musikenos, que neste 2023 celebra o seu décimo
aniversario, dalle continuidade ao ‘Salmón Rock’ coa celebración da segunda
edición do festival na Alameda Municipal.
Ás 19 horas do sábado subirase ao escenario o grupo invitado ‘Noxo’ e ás 22
horas terá lugar o gran concerto a cargo dos Musikenos nunha homenaxe a
Miguel Costas, que fora cantante de Siniestro Total.
Ademais, tanto o sábado como o domingo, en horario de 12 horas a 20 horas
estárá aberto ao público o Salmón Market, onde haberá postos de venda de
produtos artesanais.