Hai que municipalizar o SAF para que non se repitan os problemas da privatización dun servizo público

O alcalde tiña constancia dos graves problemas laborais das traballadoras do SAF e non fixo nada até se fixo público o demoledor informe da inspección de traballo

 

Algo parece que empeza a moverse no goberno municipal logo das denuncias feitas pola CIG sobre a situación laboral das traballadoras do SAF do noso concello, en mans dunha empresa privada. Desde o BNG tamén instamos ao goberno municipal a tomar medidas para atallar esta grave situación que afecta a un servizo público esencial.

Con todo, hai un aspecto que nos chama a atención. Segundo declaracións do alcalde, que saen publicadas hoxe nos medios de comunicación, o goberno municipal e a empresa mantiveron encontros periódicos coa empresa adxudicataria do servizo para comprobar a calidade e atender «as suxestións e demandas do equipo de traballo».

Os problemas do SAF da Estrada veñen de vello, as traballadoras mesmo mantiveron unha folga, polo tanto sorprenden estas declaracións do alcalde, nas que afirma que se reuniron coa empresa, e a pesar de ter constancia dos problemas laborais das traballadoras, non fixo nada até que a CIG deu a coñecer un demoledor informe da inspección de traballo, que mesmo pode ter consecuencias económicas importantes para o concello. Isto é moi grave e denota o abandono das súas responsabilidades de goberno, que tantas veces temos denunciado.

No BNG saúdamos que por fin o goberno municipal saíse do ostracismo de decida tomar cartas no asunto. Con todo, instamos ao alcalde a non repetir os erros do pasado, deixando en mans privadas un servizo público, que xa vimos en como acabou e os problemas que trouxo para o servizo e tamén para as traballadoras. Neste sentido, desde o BNG instamos ao goberno do PP a municipalizar o servizo do SAF para garantir a prestación dun servizo de calidade ao tempo que se respectan os dereitos laborais das traballadoras. Un servizo público non pode estar en mans privadas.
 
 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.