● O arquitecto foi premiado polo seu artigo ‘A revolución tranquila’,
publicado nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
● Na vixente edición concorreron 34 traballos de 12 autores e autoras.
● A entrega do premio realizarase este venres, 10 de novembro.
O Concello da Estrada anunciou hoxe o
fallo do xurado da vixésimo oitava edición do premio xornalístico Manuel
Reimóndez Portela, sendo o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto o
galardoado grazas ao seu artigo ‘A revolución tranquila’.
O xurado, presidido polo edil de Cultura, Juan Constenla Carbón; estivo
integrado por Victoria Reimóndez Sanmartín, en título de Secretaria; José
López Vilariño, María del Carmen Vieites Conde, Enrique Otero Fernández e
Juan Andrés Fernández Castro.
O tribunal proclamou vencedor por unanimidade o artigo xornalístico titulado A
revolución tranquila, publicado nos diarios La Voz de Galicia e Faro de Vigo
pola súa actualidade e vixencia na temática, a obra de reurbanización da
contorna do campo da feira da Estrada, así como polo esforzo do autor en
facer comprensible para un público non especializado o alcance e significado
da intervención.
Do mesmo xeito, o xurado mostrouse satisfeito pola cantidade e calidade dos
artigos recibidos, xa que na presente edición concorreron 34 artigos de 12
autoras e autores.
A entrega do premio realizarase o vindeiro venres, 10 de novembro.






































