O Concello fixo públicas as bases do XXVIII premio de poesía
Avelina Valladares, do XXXVI certame de novela Manuel García
Barros e do IV premio de álbum ilustrado Alberte Quiñoi.
Os orixinais que concorran aos tres certames deberán presentarse
antes do 24 de febreiro do 2024.
O Concello da Estrada dálle
continuidade á súa aposta pola promoción e creación de contidos culturais coa
convocatoria de tres certames para o ano 2024.
Deste xeito, xa foron publicadas na páxina web municipal as bases da trixésimo
sexta edición do premio de novela ‘Manuel García Barros (Ken Keirades)’, do
vixésimo oitavo certame poético ‘Avelina Valladares’ e da cuarta edición do
premio de álbum ilustrado ‘Alberte Quiñoi’.
Os orixinais que concorran ao premio de novela Manuel García Barros,
promovido conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da
Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, optarán a unha dotación económica de
9.000 euros, outorgados nun único premio, e á publicación da obra por parte da
Editorial Galaxia.
A resolución do xurado producirase ao redor do 11 de abril de 2024, efeméride
do pasamento de Manuel García Barros.
No caso dos textos presentados á XXVIII edición do Premio de Poesía Avelina
Valladares, promovido coa finalidade de preservar o cultivo da lingua galega e
a figura da vida e obra da poeta estradense, deberán contar cun mínimo de 300
versos e cun máximo de 800. O orixinal vencedor recibirá unha contía de 2.000
euros.
Pola súa parte, a cuarta edición do premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado,
convocado polo Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política
Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, terá un
premio único de 4.000 euros para a obra vencedora, que será tamén publicada
pola editorial Galaxia.
O prazo máximo para a presentación de obras dos tres certames será o 24 de
febreiro de 2024. As persoas que desexen máis información poderán consultar
as bases dos certames na web municipal en aestrada.gal
O edil de Cultura, Juan Constenla, sinala que “a través da promoción destes
certames dámoslle continuidade non só á nosa aposta pola creación e
divulgación de contidos culturais senón tamén á preservación da vida e obra de
figuras cruciais para a cultura estradense e galega”







































