O MOME acolleu esta mañá unha xuntanza na que foi presentado o
proxecto ‘Artesanía Alimentaria’.
O Museo do Moble e da Madeira
(MOME) da Estrada para presentar a participación da Axencia Galega da
Calidade Alimentaria (AGACAL) no Gastrotur do Ulla, que terá lugar do 17 ao
19 de maio no Recinto Feiral da Estrada.
No encontro estiveron o concelleiro de Turismo, Óscar Durán, e o
representante de Agacal, Xoán Miguel Concheiro, xunto con representantes de
xeodestinos, GDR e Concellos integrados na iniciativa.
Durán puxo de manifesto a “boa acollida” que está a ter o proxecto, tanto por
parte das entidades implicadas como das administracións públicas. Na súa
intervención destacou que participarán máis de 20 concellos e a finalidade é
“atraer numerosos visitantes a feira na que se busca potenciar a gastronomía,
deporte, artesanía e patrimonio que temos no interior”. Pola súa banda,
Concheiro puxo de manifesto que AGACAL estará presente a través da
iniciativa recente ‘Artesanía Alimentaria’. Durán destacou que “a súa
participación é fundamental para poder levar a cabo o evento e agardamos
contar coa asistencia de integrantes dos diferentes xeodestinos, GDR e
Concellos que forman parte”.
O evento contará con diversas actividades, entre as cales haberá
showcookings, charlas, degustacións, sorteos, exposicións variadas e tamén
actividades deportivas, entre outras.
Proxecto ‘Artesanía Alimentaria’
Durante a reunión, Concheiro presentou a iniciativa ‘Artesanía Alimentaria’,
“que é recente pero está medrando e obtendo moi bos resultados”. A finalidade
da regulación da artesanía alimentaria é recoñecer, protexer e promover os
valores económicos, culturais e sociais que representa, así como estimular o
seu crecemento no marco da promoción e defensa da calidade alimentaria
galega.
A artesanía alimentaria é a actividade de elaboración, manipulación e
transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio
ambiente e sempre garantindo “un produto final individualizado, seguro e con
características diferenciais”. É necesario que cumpra certos requisitos como o
emprego de ingredientes tradicionais e intervención persoal da persoa artesá.
Cabe puntualizar que as actividades artesanais “contan cunha norma técnica
concreta que determina as materias primas e as súas condicións”. Así mesmo,
tamén se integran produtos artesán caseiros e produtos artesáns de montaña,
cada un cunha normativa diferente na que se aplican restricións e condicións.
Para facer o rexistro teñen que tramitalo na sede electrónica da Xunta a través
do procedemento MR400B.
No Gastrotur do Ulla, AGACAL estará presente coas empresas que forman
parte da ‘Artesanía Alimentaria’ que desexen participar, coa finalidade de darlle
visibilidade a este proxecto de AGACAL e tamén co obxectivo de potenciar
“esta nova iniciativa que nace na Estrada, que dende a Axencia consideramos
que é ambiciosa e moi atractiva”.