AprobadO en xunta de goberno o expediente de contratación do
servizo de arquitectura para a redacción do proxecto no icónico
enclave.
As empresas que así o desexen terán de prazo para a presentación
das súas ofertas ata o vindeiro 29 de novembro.
O orzamento base de licitación do contrato é de 36.300 euros e terá
unha duración de 3 meses desde a súa formalización, mentres que
o orzamento total da actuación 1.210.000 euros.
A peonización da céntrica praza da
Farola avanza a bo ritmo logo da aprobación, en xunta de goberno, do
expediente de contratación do servizo de arquitectura para a redacción do
proxecto que permitirá converter este icónico enclave do casco urbano nun
espazo máis amable e accesible para o peón.
Deste xeito, as empresas que desexen presentar as súas ofertas xa poden
facelo ata o vindeiro 29 de novembro. A través deste proceso de licitación
permitirase que ditas empresas que concorran no mesmo incorporen propostas
de intervención que serán pertinentemente valoradas para deliberar cal é a que
máis se adapta ao simbolismo desta actuación.
O orzamento base de licitación do contrato é de 36.300 euros e terá unha
duración de 3 meses desde a data de formalización do mesmo. Pola súa parte,
o orzamento total da actuación ascenderá a 1.210.000 euros.
A intervención está enmarcada nas liñas de actuación incluídas na Axenda
Urbana da Estrada 2030 e suporá resolver o entronque da Praza de Galicia
coas rúas adxacentes; Rúa 56; Rúa San Paio ata Marqués de la Vega de
Armijo, Rúa Don Nicolás, Rúa Calvo Sotelo, Rúa Serafín Pazo, Rúa Pérez
Viondi e Rúa Peregrina, así como a conexión cos sectores de Solo Urbano Non
Consolidado SUNC-R01 (Av. América) e SUNCR02 (R. Forcarei), que se
atopan en vía de desenvolvemento, baixo o PXOM da Estrada.
A actuación está estruturada ao redor da recuperación para os peóns dun
espazo que na actualidade está dedicado ao tráfico rodado, cunha solución que
permita manter, nesta fase, a circulación entre as Rúas Pérez Viondi,
Peregrina, rúa 56, San Paio e Marqués de la Vega de Armijo.
Nesta idea de promover a accesibilidade deste enclave, o deseño prestará
especial atención ás necesidades das persoas con diversidade funcional e
sensorial, estando dito deseño supeditado ás liñas de actuación marcadas na
Axenda Urbana A Estrada 2030. Esta intervención, está integrada como un dos
obxectivos específicos marcados na Axenda Urbana da Estrada 2030,
concretamente do punto de mellora da calidade e da accesibilidade universal
dos espazos públicos, e tamén se inclúe na proposta 3.6 do Programa de
Humanización do Plan de Mobilidade Urbana Sostible.
A través desta actuación marcarase un fito histórico na localidade dado que a
praza da Farola é o punto neurálxico sobre o cal naceu A Estrada. Por isto,
desde o goberno local avanzan que se buscará preservar a súa esencia a
través dun elemento que represente unha farola e coa que todas e todos os
estradenses poidan sentirse representados e ser conscientes do valor histórico
e patrimonial que atesoura o enclave.
Polo tanto, esta intervención suporá a culminación da peonización da rúa Calvo
Sotelo, a principal arteria comercial e de servizos da Estrada, consolidando un
proxecto iniciado e rematado en dúas das prazas máis sobranceiras do
municipio, que se complementa con outras actuacións en enclaves do casco
urbano como a premiada reforma integral da Praza da Feira, promovendo
deste xeito espazos máis accesibles e transitables que fomenten a interacción
económica e social.