A actividade será a partir das 20:30 horas e as entradas serán de
balde ata completar aforo.
O Teatro Principal da Estrada acollerá
este xoves, ás 20.30 horas, un novo paraladoiro literario, esta vez da man da
poeta Yolanda Castaño, quen vén de gañar neste 2023 o Premio Nacional de
Poesía, grazas á súa obra ‘Materia’.
Nada en Santiago de Compostela, Yolanda Castaño, é unha das grandes
referentes da poesía galega contemporánea. Na súa visita ao Teatro Principal,
compartirá con todos os asistentes vivencias sobre a súa traxectoria vital e
literaria. Ademais, o acto irá acompañado dunha sinatura do poemario ‘Materia’
que este ano tamén recibiu o Premio da Crítica ao mellor libro publicado en
lingua galega durante o ano 2022.
As persoas que desexen acudir poderán facelo de balde ata completar a
totalidade do aforo da sala.