A Estrada apela á cooperación entreinstitucións como peza clave para erradicar a violencia de xénero

 A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia
Goldar, foi a encargada de ler o manifesto polo 25N, o cal fora
aprobado en pleno polo PP, PSOE e MÓVETE.

Educación, prevención, sensibilización
e cooperación interinsitucional. Estas son algunhas das pezas “claves” para
acabar coa violencia de xénero. Así o confirmou, esta tarde, a concelleira de
Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, durante o acto central
polo 25N.
A edil foi a encargada de ler o manifesto institucional polo Día Internacional da
Eliminación da Violencia contra a Muller, un escrito que fora aprobado en pleno
polo PP, PSOE e MÓVETE. No mesmo, os concelleiros e concelleiras destes
grupos amosaron o seu compromiso unánime na loita contra a violencia
machista.
“Como axentes de primeira liña, os concellos somos en moitos casos clave
para identificar, atender e acompañar ás vítimas”, explicou a concelleira. Tendo
iso en conta, a edil apuntou que A Estrada implantou, nos últimos anos, varias
medidas para previr esta lacra social. Entre elas, destacou a sinatura do
Protocolo de Colaboración para o impulso da Rede de Entidades Locais contra
a Violencia de Xénero coa Xunta, así como a constitución e activación das
Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional.
Como avanzou a concelleira, o Concello continuará apostando por esta
cooperación entre distintas administracións. Tanto é así, que A Estrada
promoverá a continuidade da Mesa Local contra a Violencia de Xénero e,
ademais, instará ao Goberno central a cumprir o Pacto de Estado contra a
violencia de xénero para adoptar as medidas recollidas en materia de
prevención, detección e atención integral.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.