470.000 € permitirán a entidades sen ánimo de lucro realizar actuacións centradas nos
colectivos vulnerables e 45.000 € estarán dirixidos a financiar proxectos en países
empobrecidos
O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe dúas novas
liñas de subvencións en materia de benestar social, cun orzamento total de 515.000 euros. Por unha banda,
trátase de subvencións para que entidades sen ánimo de lucro poidan realizar actuacións centradas nos
colectivos que precisan apoio desde o punto de vista social, dotadas con 470.000 euros. E, pola outra,
dunha liña de subvencións de cooperación ao desenvolvemento dirixidas a ONGD e dotada con 45.000
euros.
No que respecta ás primeiras axudas cada entidade poderá recibir un máximo de 7.000 euros. Con estes
recursos poderán financiar actividades e iniciativas para mellorar a calidade de vida e a integración das
persoas que, como explicou o presidente provincial Luis López, “polas súas circunstancias persoais,
psíquicas, físicas, socioeconómicas ou de natureza análoga, se atopen en situación de desvantaxe e
vulnerabilidade social”. Só se concederá unha subvención por entidade e o prazo para solicitar estas
subvencións abrirá o vindeiro venres, 16 de febreiro.
No que respecta ás segundas, as axudas a ONGD para cooperación ao desenvolvemento, subvencionarase
un total de tres proxectos, cun máximo de 15.000 euros cada un deles. Teñen que ser proxectos de
cooperación en países empobrecidos que contribúan á erradicación da pobreza, á igualdade de xénero, á
defensa da sostibilidade ambiental e loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado en dereitos
humanos, ao respecto pola diversidade cultural e a promoción da interculturalidade, á loita contra as
desigualdades e á participación cidadá e ao fortalecemento institucional e da sociedade civil.
Terán prioridade os desenvolvidos nalgúns dos once países considerados xeograficamente estratéxicos da
África Subsahariana (Cabo Verde-Guinea-Bissau e Mozambique), América Central (Guatemala, Honduras,
Nicaragua e O Salvador), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú) e Caribe (República Dominicana).
Ademais daqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e
desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias; así como daqueles nos que a
cooperación galega demostrase unha ampla experiencia de traballo, e os considerados países menos
adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo. Neste caso, o prazo para solicitar as axudas
abrirá o vindeiro luns 19 de febreiro.