· A Asociación de Hostaleiros da Estrada celebra mañá desde as 21.30 horas o seu tradicional concurso de disfraces.
· Sábado haberá baile de disfraces e merenda para os máis cativos, ás 17.00 no Novo Mercado, e para os maiores, na residencia da terceira idade, ás 17.30 horas.
· O regreso do entroido de Couso, o domingo, pechará a primeira fin de semana de Entroido.
O Concello da Estrada ultima os preparativos para iniciar os festexos do Entroido, para os cales programou unha ampla variedade de propostas dirixidas para todos os públicos.
Deste xeito, mañá, venres 9 de febreiro, será a Asociación de Hostaleiros da Estrada a encargada de inaugurar os festexos co seu concurso de disfraces. A dinámica de participación consistirá na asistencia e consumición nos locais participantes, nos cales serán valorados tanto polo seu disfrace como pola ‘actuación’ realizada. O concurso dará comezo ás 21.30 e os premios entregaranse ás 02.30 horas.
O sábado, a segunda praza do Novo Mercado acollerá desde as 17.00 horas un baile de disfraces infantil cunha merenda incluída de balde para todas as persoas asistentes. Pola súa parte, as persoas usuarias da residencia de maiores tamén poderán gozar dun baile con merenda desde as 17.30 horas.
O tradicional Entroido de Couso, que regresa oito anos despois, clausurará a fin de semana inaugural do entroido cunha xornada que se iniciará desde as 08.45 horas baixo o repicar das campás. Media hora máis tarde haberá un almorzo popular e acto seguido a comitiva do entroido percorrerá a parroquia ata a chegada á Praíña, onde continuarán os festexos cun xantar popular ata retomar a marcha pola tarde. Finalmente, o campo da festa parroquial acollerá o fin de festa desde as 19.30 horas.