‘Un médico na aldea’, o musical con selo estradense que chegará ao Principal a primeira fin de semana de marzo

·       A obra, interpretada por Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas, sobre o escrito orixinal de Manuel Reimóndez Portela está dirixida e adaptada por  Santiago Cortegoso.

 

·       A estrea será esta fin de semana na cidade lusa de Braga, mentres que na Estrada as representacións serán os días 2 e 3 de marzo ás 19:00 e 20:00 horas, respectivamente.

O Teatro Principal da Estrada exaltará na primeira fin de semana do mes de marzo a cultura local cunha dobre representación de ‘Un médico na aldea’, o musical dirixido e adaptado por Santiago Cortegoso e interpretado pola agrupación Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas.

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla foi o encargado de presentar esta mañá a obra, acompañado por Enrique Raimóndez, neto do autor da obra; Rosa Herráiz, ilustradora; e o director, Santiago Cortegoso.

O público que así o desexe poderá gozar por partida dobre desta representación, dado que o Principal acollerá un primeiro pase o sábado, 2 de marzo, ás 19:00 horas e un segundo un día despois, o domingo 3 de febreiro, ás 20:00 horas. A estrea será esta mesma fin de semana na cidade portuguesa de Braga.

O escrito de Reimóndez Portela constrúese sobre un compendio de diversos relatos e vivencias vividas polo propio autor durante a súa época como médico na aldea, e, baixo a dirección de Santiago Cortegoso a narrativa de Reimóndez mudará ao arte escénico do musical coas interpretacións de Tequetexéldere e os integrandes da Escola Municipal de Artes Escénicas, así como coas ilustracións en directo de Rosa de Cabanas.

O edil de Cultura, Juan Constenla, convidou ao público a asistir “a un evento que supón unha exaltación da produción cultural estradense e do carácter multidisciplinar da mesma”. Durante a súa intervención Constenla agradeceu “o traballo de todos os axentes implicados para a materialización dunha obra que pon en valor o talento que atesouran as persoas e os colectivos artísticos da Estrada”.

As entradas poderán recollerse por un prezo de tres euros no departamento de Cultura do Concello.

Compárteo!

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.