O Tribunal Superior de Xustiza adopta a suspensión cautelar do parque Campo das Rosas como solicitaban os Concellos da Estrada e o de Cerdedo-Cotobade

·       O impacto ambiental e paisaxístico foi un dos elementos centrais do recurso presentado conxuntamente por ambas as Administracións locais.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de emitir un auto polo que se adopta a suspensión cautelar do parque eólico Campo das Rosas. Con esta resolución, a xustiza referenda a posición defendida polo Concello da Estrada e polo de Cerdedo-Cotobade no recurso contencioso-administrativo que ambas as administracións presentaron no mes de outubro do 2023. Neste documento, o goberno local sinalaba o gran impacto ambiental que esta construción tería a nivel medioambiental e paisaxístico.

Por unha banda, o impacto ambiental foi un dos argumentos centrais do recurso presentado por ambos os dous concellos. Con todo, esgrimíronse, así mesmo, outras cuestións relacionadas coa tramitación como, por exemplo, a tramitación de información pública. De feito, no recurso deixouse constar que na tramitación de información pública correspondente non figuraban os informes sectoriais, algo que impediu ao Concello efectuar as súas alegacións ao proxecto. No recurso contencioso-administrativo advertíase, ademais, dunha posible fragmentación artificial de proxectos, entendendo que non se tivera en conta o proxecto eólico no seu conxunto. A distancia entre a construción e os núcleos de poboación foi outra das razóns que ambos os concellos deron para solicitar a medida cautelar.

Agora, o TSXG adopta a suspensión cautelar en base ao principio de prevalencia, outorgándolla á preservación do medio ambiente e determinando a suspensión dos actos que incidan desfavorablemente sobre o mesmo. Deste xeito, o Tribunal determina que se non se adopta a medida cautelar, o recurso contenciosos interposto perdería a súa finalidade lexítima, posto que a sentencia que anulase a autorización para a construción do parque eólico chegaría cando este estivese construído (cos posibles danos ambientais, sociais e económicos perpetrados).

Desde o goberno local celebran esta medida adoptada polo TSXG xa que construción deste espazo enerxético afectaría ao hábitat principal de numerosas especies de animais como, por exemplo, aves, cabalos silvestres e vacas. Desde o equipo de goberno sinalan o seu compromiso coa “defensa do medio natural e do noso patrimonio” e agardan que a través desta medida “se poida traballar con maior cautela e adoptar as medidas que permitan asegurar mellor a preservación da contorna e de todos os elementos que a integran”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.