BNG insta ao alcalde a aclarar se presentará ou non recurso xudicial contra o parque eólico de Xesteiras

Xoán Reices: «A día de hoxe o único que está claro é a oposición dos veciños e veciñas das parroquias de Santo André de Vea, Frades e Santa Mariña, a oposición do alcalde vai por días»

 O concelleiro do BNG, Xoán Reices, pediulle ao alcalde «claridade» sobre as actuacións prevista por parte do concello contra o parque eólico de Monte Xesteiras.

Segundo explicou Reices, «o concelleiro de rural, Juan Constenla, foi pouco preciso na reunión que mantivo cos veciños e veciñas o pasado luns, a respecto sobre se o concello presentará ou non recurso xudicial contra este proxecto, cousa que por certo, xa o fixeron noutros casos».

«Os veciños e veciñas necesitan claridade, queren saber se o concello vai botar unha man ou vai poñerse de perfil», afirma. «A día de hoxe o único que está claro é a oposición dos veciños e veciñas das parroquias de Santo André de Vea, Frades e Santa Mariña, a oposición do alcalde vai por días», engade.

Xoán Reices explicou aos medios, que «o alcalde ten que poñerse mans á obra e buscar co seu equipo xurídicos os argumentos xurídicos precisos para frear este atentado contra os intereses dos veciños e veciñas, que no caso dos residentes en Santa Mariña, de saír adiante este proxecto, quedarán entalados entre o parque eólico de Xesteiras e o de Castro Valente, coas consecuencias que ten iso para a habitabilidade da parroquia, as traídas, as explotacións agro-gandeiras e forestais, así como para o patrimonio cultura e patrimonial».

Problemas para rexistrar os recursos de alzada nos últimos días

Por outra parte, o concelleiro do BNG, Xoán Reices, indicou que «segundo informacións dos propios veciños e veciñas que xa foron presentar xa os recursos de alzada, parece ser que algunha das persoas que atende o rexistro ausentarase por motivos persoais nos últimos días de prazo para presentar os recursos e non haberá ninguén para substituílo, o cal nos parece sorprendente». «Queremos que o alcalde aclare esta situación, porque non é de recibo que este departamento quede desatendido eses días precisamente», afirma. «E evidentemente, a solución non pode pasar por eliminar os dereitos do traballador ou traballadora, senón por buscar outra persoa que por uns días substitúa as labores desta; esa é a labor do alcalde e ou do concelleiro que teña delegada as funcións de persoal, pero o rexistro ten que estar plenamente operativo todos os días laborábeis do ano», afirma.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.