Ángeles Vázquez defende a aposta da Xunta pola pesca sustentable e a remuda xeracional no inicio da tempada do reo e do salmón nos ríos galegos

Salienta a colaboración fluída entre o Goberno autonómico e o sector para manter unha práctica deportiva de grande tradición na Comunidade e pon como exemplo medidas como a exención de taxas, que beneficia xa a máis de 13.000 afeccionados

Desde hoxe e ata o 30 de xuño poderanse pescar salmóns en augas galegas, cun cupo límite de 53 exemplares en total, mentres que a campaña do reo estenderase ata o 31 de xullo, cunha cota diaria de 2 capturas por xornada e persoa

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu hoxe a aposta decidida da Xunta nos últimos anos polo fomento da pesca sustentable nos ríos galegos e da remuda xeracional dun colectivo que tradicionalmente contou sempre con moitos afeccionados na Comunidade.

Coincidindo co inicio da tempada da pesca do salmón e do reo nas augas continentais galegas, a responsable autonómica visitou as instalacións da Estación Ictiolóxica de Ximonde acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e do director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González é o alcalde estradense Gonzalo Louao Dono.

Tras lembrar que a tempada de pesca continental comezou o pasado 17 de marzo, Ángeles Vázquez explicou que un total de 38.000 pescadores galegos contan con licenza de pesca vixente nestes momentos. Ao respecto, incidiu na importancia de seguir apostando por esta práctica lúdica e deportiva cunha grande tradición en Galicia, onde a auga está moi presente e supón un recurso importante e identitario.

Ao respecto, a conselleira salientou a colaboración fluída que mantén a Xunta co sector, tanto a través da Federación galega de pesca e cásting como do resto de entidades colaboradoras, coas que comparte o obxectivo de garantir o exercicio desta actividade nas mellores condicións posibles e impulsar o relevo xeracional do colectivo.

A modo de exemplo, Vázquez Mejuto referiuse ao impulso de medidas relevantes como a exención do pago das taxas correspondentes ás licenzas de pesca dos menores de idade e das persoas maiores de 65 anos, medida da que se benefician este ano máis de 13.000 persoas. Esta exención, tal e como lembrou, foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental galega aprobada en 2021 e ten como fin impulsar a remuda dun sector no que a idade media se sitúa actualmente entre os 50 e os 70 anos.

Precisamente a conselleira aproveitou a súa presencia no couto de Ximonde para achegarse ata un tramo do Ulla e saudar a algúns dos pescadores que participaban nesta primeira xornada oficial da campaña de salmón e reo nos ríos galegos.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que no caso dos salmóns a tempada estenderase ata o vindeiro 30 de xuño e o cupo será de 1 peixe por xornada e pescador, quedando establecido o límite de capturas para toda a campaña en 53 exemplares. Ademais, no caso concreto da pesca do reo, o período hábil estenderase un mes máis, ata o 31 de xullo, cunha cota diaria fixada en 2 capturas por día e persoa.

Especie migradora e moi valorada

O salmón e o reo son dúas especies de peixes migradores ibéricos pertencentes á familia dos salmónidos, que atopan en Galicia o seu límite meridional de distribución mundial. No caso concreto do salmón atlántico, trátase da especie máis valorada das que actualmente se pescan nos ríos e destaca tamén polas súas características biolóxicas, que o fan capaz de percorrer miles de millas ata zonas subárticas, e porque actúa como un bo indicador da calidade dos hábitats tanto mariños como fluviais.

Ao respecto, a conselleira referiuse á importancia desta especie nun couto “emblemático” como Ximonde, situado no río máis salmoeiro de Galicia, o Ulla, e que serve de límite entre as provincias da Coruña e Pontevedra. Por iso, avogou por seguir traballando para garantir a permanencia do salmón nas augas fluviais da Comunidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que a comezos da década dos anos 90 a Xunta puxo en marcha os seus primeiros programas para a recuperación desta especie en varios ríos galegos, entre eles, o Ulla, o Lérez ou o Miño.

Grazas a este esforzo, a partir do ano 2000 detectouse un incremento no retorno de exemplares adultos a este río e sen chegar a igualar a abundancia de exemplares que había na década dos 80, as poboacións galegas de salmón experimentaron unha notable melloría, o que posibilitou a súa pesca en determinados ríos.

Entre as medidas de recuperación desenvolvidas polo Goberno autonómico nos últimos anos, Ángeles Vázquez referiuse, por exemplo, á regulación do aproveitamento da pesca recreativa coa súa limitación en determinados coutos e a implantación de cotas de captura por ríos, a optimización do hábitat mediante dispositivos de franqueo e derribo de obstáculos e un programa de mellora das poboacións con soltas de salmóns nativos.

Neste labor enmárcase precisamente o traballo que se realiza na Estación Ictiolóxica de Ximonde, xestionada pola Xunta e que empezou a funcionar no ano 1993 co propósito de estudar os peixes que transitan por este punto do río Ulla.

A tal fin, instaláronse dispositivos na presa que permiten capturar e analizar distintas especies de peixes, en diferentes fases vitais, para coñecer as súas características e a evolución das súas poboacións co principal obxectivo de garantir a súa conservación e que o aproveitamento destes recursos poida ser sustentable.

GALERÍA:

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.