A XUNTA INVISTE MÁIS DE 140.000 EUROS EN MELLORAR A CONECTIVIDADE DO RURAL DA ESTRADA CO NÚCLEO URBANO

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello da Estrada onde se realizaron unhas obras de mellora do acceso ao núcleo do concello, grazas ao financiamento do Plan Marco 2023-2024 da Consellería do Medio Rural.

Esta obra foi posible grazas a un investimento de máis de 140.000 euros, que permitiu asfaltar unha estrada que pasa polos lugares de Sorribas, O Tallo, Vinseiro e Vis de Baixetes. Desta forma facilítase o contacto e a comunicación entre a parte máis rural do concello co seu núcleo, á vez que se mellora a seguridade viaria da zona.

Acompañado polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o delegado territorial quixo poñer en valor a importancia deste tipo de obras que permiten “ter un concello máis unido, máis próspero e máis seguro” e asegurou que o Plan Marco é unha proba máis do “compromiso da Xunta cos concellos, e moi especialmente co desenvolvemento, inclusión e accesibilidade das zonas máis rurais”.

Cabe destacar que o Plan Marco 2023-2024 da Consellería do Medio Rural deixou na comarca do Deza-Tabeirós un total de máis de 600.000 euros repartidos por sete concellos. Na provincia de Pontevedra, o total desta liña de axudas alcanza os 3,2 millóns de euros.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.