Xoán Reices: «A situación deste BIC é insostíbel, e como xa indicamos noutra ocasión, hai base xurídica para expropiar se a familia propietaria non tomas medidas correctoras»
O BNG da Estrada leva anos pelexando para que a Torre e o Pazo de Guimarei pasen a titularidade pública ou cando menos a familia propietaria trate ese ben como o que é, un Ben de Interese Cultural (BIC).
Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, «antes do verán alertamos ao alcalde no pleno indicándolle que a Torre e o Pazo estaba rodeado de millo até as súas mesmas marxes; o alcalde contestou que se reuniría cos propietarios despois do verán; pasou o verán e reiterámoslle a situación noutro pleno contestando que falara por teléfono coa familia propietaria, pero non quedaron en nada concreto.» «Resumindo: os propietarios da Torre e o Pazo de Guimarei non só se rin do alcalde, senón tamén de todos os veciños e veciñas do noso concello», afirma Reices.
«A situación da Torre e o Pazo é insostíbel», explica o concelleiro nacionalista, «non é tolerábel que mentres os propietarios deste BIC, que se deteriora cada día a día, pasen olimpicamente de todo, mentres o alcalde mira para outro lado».
«Por iso», engade Reices, «instamos ao alcalde a denunciar diante de patrimonio a situación deste Ben de Interese Cultural, e como xa indicamos noutra ocasión, hai base xurídica para expropiar a Torre e o Pazo de Guimarei». «De feito», afirma o concelleiro do BNG, «é o momento de que o alcalde presione á Xunta e en concreto ao Conselleiro de Cultura, anterior alcalde do noso concello para que este BIC estea en condicións e sexa visitábel e se é o caso pase a titularidade pública».
O concelleiro do BNG explica que o PP ten dúas varas de medir cando se trata de defender o interese público. «Unha para os poderosos, como é o caso dos propietarios da Torre eo Pazo de Guimarei, aos que non se lles molesta para nada», explica Reices, «e outra para os veciños e veciñas, sobre os que cae todo o peso da lei, sen importarlle as consecuencias e as súas circunstancias persoais».
«É hora de actuar para salvar a Torre e o Pazo de Guimarei», afirma Reices, «xa se acabou o tempo de mirar para outro lado».