O Concello estradense inaugurará a súa programación de Nadal co acendido das luces mañá, 5 de decembro, ás 19.45 horas nun acto na Praza do Concello. Nesta ocasión, o botón da iluminación correrá a cargo dun pequeno de 9 anos, Alex, natural do municipio, que acompañará ao rexedor, Gonzalo Louzao, neste evento.
Na mesma praza, instalouse unha árbore de luces de 14 metros e levarase a cabo un espectáculo de circo despois do acendido das luminarias. Este acto dará paso a obradoiros dirixidos a toda a familia, a Gala do Deporte, concertos musicais, a Cabalgata de Papá Noel, teatro e a tradicional Cabalgata de Reis. A maiores, A Estrada abrirá os campamentos de Nadal desde o 23 de decembro ao 7 de xaneiro en horario de 8.30 a 14.30 horas no Espazo Concilia e nas instalacións de Soei.
Sorteo dos comerciantes
A Asociación de Comerciantes da Estrada, ACOE, convoca a campaña de Nadal, que comezou o pasado 1 de decembro e finalizará o 6 de xaneiro. O seu obxectivo é dinamizar o comercio local e, para iso, fará un sorteo para todas as persoas que fagan compras por importes mínimos de 20 euros na vila.
Os premios serán un coche, un patinete eléctrico, unha viaxe, unha Playstation 5 e tarxetas con 500 euros de combustible. Para participar nestes premios só hai que enviar unha foto do tícket de compra por WhatsApp ao 613885082.







































