A Xunta aproba o proxecto de trazado do treito que culmina a autovía Santiago-A Estrada, entre Pontevea e O Rollo, cun investimento de máis de 32 M€

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de trazado do segundo treito de prolongación da autovía libre de peaxe Santiago-A Estrada, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841), tal e como explicou o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen detallou que a Administración autonómica destinará a esta actuación un investimento de “máis de 32,3M€”, no que se inclúe o pagamento dos 262 predios necesarios, 9 por ocupación temporal para executar a obra.

Mediante o proxecto autorizado hoxe, prolongarase a AG-59 desde o enlace coa AC-241, “que está actualmente en execución entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo, cun investimento de 33 M€” ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo, xa no concello da Estrada.

Este novo treito entre Pontevea e O Rollo disporá de dous enlaces que permitirán os catro movementos, tanto cara ao Norte (Santiago de Compostela), como cara ao Sur (A Estrada). Un deles, resultado da reforma do existente na Ramallosa, e o outro, de nova execución sobre a AC-241, en Pontevea.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre de 2025 para licitar as obras no vindeiro ano, “cun prazo de execución de 36 meses”, tal e como apuntou Rueda.

Así, a Xunta, ao tempo que avanza nas obras do treito de 3,5 quilómetros da prolongación da AG-59, iniciadas a finais de outubro de 2023 e nas que está a investirse máis de 33M€, impulsará este novo treito de 4 quilómetros de lonxitude.

Unha vez rematados os 7,5 quilómetros da prolongación do actual tramo da AG-59, “os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos”, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 millóns de euros.

O obxectivo do Goberno galego con estas actuacións é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.