O Concello emprende os traballos de mantemento e actualización das
instalacións, que se sumarán ao labor de selección e catalogación dos
fondos previos á reapertura
O proxecto de obras, por máis de 40.000 euros, contempla actuacións de
mellora no exterior e interior do inmoble, que se prepara para un novo
discurso museístico
A última estimación calcula que os fondos do centro superan as 2.000
pezas, de carácter etnográfico, arqueolóxico, pictórico e fotográfico
– Operarios do Concello da Estrada traballan xa para
emprender o acondicionamento interior do Museo do Pobo Estradense coa pretensión
de que as instalacións reabran as súas portas ao público no segundo semestre deste ano,
tal e como adiantou o alcalde, Gonzalo Louzao Dono, nunha comparecencia realizada co
director do museo, Juan Andrés Fernández Castro, no remate de 2024.
O rexedor explicou que os traballadores municipais realizan estes días labores de
retirada de material que non se empregará na nova etapa que nos próximos meses
comezará o tamén coñecido como Museo Reimóndez Portela,na honra e lembranza do
humanista de San Miguel de Castro.
Antes de abrir as súas portas de novo tras anos de peche, estas dependencias municipais
teñen que someterse a traballos de actualización e mantemento. O Concello reservou
para este fin máis de 40.000 euros. En liñas xerais, con estes fondos realizarse un
acondicionamento da carpintería exterior -o edificio ten fiestras de madeira-, farase un
pintado das diferentes estancias e tamén se chegará co traballo de mellora ás zonas
axardinadas do recinto, coa pretensión de que o discurso museístico poida abrirse ao
exterior.
O Museo do Pobo Estradense trasladouse ó edificio que ocupa actualmente no ano
1996, na sede do antigo Matadoiro Municipal. Nos últimos anos o edificio foi obxecto
dunha actuación de mellora estrutural e de renovación da cuberta. Agora,co obxecto de
proceder á apertura do museo ao público, xurde a necesidade de realización dalgunhas
actuacións menores tanto no interior como no exterior do inmoble para garantir o
óptimo estado de conservación da obra e que estas instalacións volvan a abrir as súas
portas.
As obras
No exterior contémplase a restauración das carpintarías de madeira mediante un
decapado do verniz existente en mal estado, con posterior lixado, vernizado e selado.
Pintaranse as reixas situadas tanto nas carpintarías como no peche da parcela e
limparanse os muros de pedra do edificio e do peche da parcela. Aproveitarase a obra
para a retirada de sedimentos da zona empedrada a sementarase herba na área
axardinada.
Xa no interior, as obras contemplan a substitución do cadro eléctrico; lixado e
empastado de paramentos interiores deteriorados pola humidade; aplicación de pintura
plástica satinada e a formación dun falso teito de cartón xeso no despacho situado na
planta alta.
Depuración e catalogación dos fondos
Co procedemento de reapertura en marcha faise preciso un proceso de selección e
depuración do material dispoñible no centro, froito das moitas doazóns que o Museo do
Pobo Estradense foi recibindo nos seus anos de historia, con materiais de ampla
diversidade. “Temos moito e hai que seleccionalo”, asumiu o alcalde da Estrada, Gonzalo
Louzao, que fixo fincapé en que se abre un tempo para a catalogación e ordenación dos
fondos de cara a distribuílos para a súa exhibición.
Arestora é difícil calcular o número de pezas que figuran no haber do museo estradense,
se ben a última estimación barallada pola dirección apunta a que pode estar por encima
das 2.000. Entre elas figuran moitas pezas etnográficas (algunhas vencelladas ao traballo
do liño, á labranza ou á tornaría), arqueolóxicas, pictóricas ou fotográficas. Contan as
instalacións con cadros de Laxeiro, Colmeiro, Castelao, Miguel Docampo, Xesús Muras,
Fragoso, Ángel Lemos de los Reyes, Morales, Ramiro Cimadevila, Jano Sanmartín, Susana
Pazo Maside, Santiago Tato, José María Barreiro ou Daniel Cifuentes. No fondo
fotográfico existen negativos de Ovidio Piso ou Celestino Fuentes, entre outros.
Súmanse ao legado que poderá exporse maquetas a escala da antiga e desaparecida
igrexa ou o Cruceiro da Estrada.
Un novo discurso
Cando se completen as obras de mantemento e a catalogación e colocación dos fondos
poderá coñecerse o novo percorrido por este mostrario histórico da Estrada. A priori, a
sala central reservarase como “parte nobre” da instalación, escolléndose como espazo
para a exhibición dalgunhas das pezas máis destacadas do fondo. A nave lateral
esquerda sería a etnográfica e, a dereita, concíbese como zona para situar a antiga
escola con que conta o museo, xunto con xoguetes e outros moitos artigos vencellados á
infancia. A idea é que no piso superior, o despacho de dirección e sala de investigadores
se sitúen á esquerda, reservando a dereita como zona para fondos que se vinculan a
estradenses ilustres