A axencia estradense Actual Comunicación convoca a primeira
edición dos Premios Rebumbio no I Certame da Comunicación Dixital
Local. Trátase duns galardóns que buscan distinguir, por primeira
vez, a comunicación dixital realizada na Estrada. O fallo e entrega
dos premios terá lugar o 29 de marzo no Museo do Moble e da
Madeira (MOME) da Estrada a partir das 13.30h.
En concreto, un xurado profesional será o encargado de escoller tres
finalistas, dos cales saíra un gañador, para cada unha das seguintes
5 categorías:
Mellor uso do galego en redes sociais. Categoría na que se
premiará o correcto emprego do idioma galego no espazo dixital.
Mellor uso do humor como recurso comunicativo. Esta categoría
premia ás persoas, colectivos ou iniciativas que destacasen pola
súa creatividade e talento utilizando a comunicación como
ferramenta para entreter, conectar e provocar sorrisos.
Mellor iniciativa local en redes sociais. Categoría que ten por
obxeto a selección daquela actividade ou iniciativa que mellor
funcionamento ou resultados acadase en redes sociais,
entendidos estes no senso da visibilidade ou o alcance do público.
Mellor difusión da vida estradense. Este galardón premia a
aquelas persoas, entidades ou iniciativas que contribuísen de
maneira destacada a dar a coñecer, promover e poñer en valor a
vida, as tradicións, a cultura e a identidade da Estrada.
Mellor difusión de negocio local en redes sociais. Este premio
recoñece a empresas, emprendedores ou profesionais que
destacasen pola súa estratexia en redes sociais para
promocionar o seu negocio na Estrada.
O xurado está conformado por tres profesionais estradenses de
recoñecido prestixio no sector: Laura Alonso, Xefa de Planificación de
medios dixitais e offline en Avante Evolución de Medios; Fran Brea,
redactor de La Voz de Galicia no Barbanza e Kike Vázquez, técnico de
Cultura do Concello da Estrada. Ademais, Actual Comunicación
outorgará de xeito directo o Premio Xove Promesa en Comunicación,
categoría que busca premiar a incorporación dos máis novos á
actividade comunicativa profesional.
Cabe sinalar que os 3 finalistas de cada categoría destes Premios
Rebumbio, que se conciben con idea de continuidade, se darán a
coñecer a partir da vindeira semana a través das redes sociais do
propio galardón.
10º aniversario e Xornada “Transformación da Comunicación
e Redes Sociais”
Este certame encádrase na xornada divulgativa “Transformación da
Comunicación e Redes Sociais”, que Actual Comunicación organiza
con motivo do seu 10º aniversario. Neste encontro, reuniranse
profesionais da comunicación chegados de toda Galicia para abordar
cuestións coma a evolución da comunicación, o impacto das redes
sociais, o emprendemento no eido local ou o futuro da comunicación
e as redes sociais.
Esta actividade terá lugar o 29 de marzo no MOME entre as 09.30 e
as 13.30h, momento no que se dará paso á entrega dos Premios
Rebumbio (adxúntase cartelería co detalle da xornada).