Mellorar a seguridade das instalacións e optimizar o
seu funcionamento. Neste dobre obxectivo para o Punto Limpo municipal traballa o
Concello da Estrada, neste intre coas instalacións medioambientais pechadas ao público.
O edil estradense de Medio Ambiente, Óscar Durán, explicou hoxe que a idea é que as
portas volvan abrirse con variacións na xestión deste punto de depósito controlado de
residuos, ao obxecto de mellorar tanto o servizo que se presta aos cidadáns como o
correcto tratamento medioambiental do material que os veciños depositan nos
diferentes contedores dispoñibles nunha infraestrutura localizada no lugar de Penerada.
O goberno que encabeza Gonzalo Louzao ten en carteira un proxecto ambicioso de
mellora do Punto Limpo. Porén, mentres se traballa nesta liña, a intención é que as
melloras comecen a materializarse de xeito inmediato. Neste senso, Durán explicou que
o peche do recinto que se iniciou o pasado 1 de marzo busca acometer, non só un
traballo de mantemento, senón tamén actuacións que redunden nunha mellora de
seguridade das instalacións.
O responsable municipal de Medio Ambiente puxo o acento en que o Punto Limpo esixe
nestes intres un maior control e protección, logo de que se teñan rexistrado diversos
roubos e mesmo algún conato de incendio. Como medida disuasoria e de incremento de
vixilancia, o Concello instalará cámaras de seguridade e sensores de alarma.
O Concello fixo coincidir este peche temporal coa nova e recente adxudicación do Punto
Limpo. Tralo correspondente concurso, a empresa que asume a xestión do servizo é
Coregal. O concelleiro de Medio Ambiente explicou que a nova concesión motivou unha
inspección das instalacións e permitirá pasar a aplicar os cambios derivados de nova
normativa vixente nesta materia. Ademais de detectar “deficiencias que se están
intentando subsanar”.
No tocante aos cambios que se introducirán coa nova xestión, o depósito de residuos
terá que adecuarse ao que a lei contempla para o funcionamento dos puntos limpos.
Neste senso, os usuarios que acudan ás instalacións teñen que ser identificados antes de
introducir o material que acheguen nos contedores correspondentes. A maiores, a
normativa regula un número máximo de quilos para o depósito.
Para os particulares
“O Punto Limpo é para particulares”, lembrou Óscar Durán. A regulación existente
recolle que as empresas, tanto grandes como pequenas, teñen que xestionar e
evacuación dos seus residuos por outras canles, sen acudir ao efecto a unhas
instalacións pensadas para refugallo procedente do ámbito domiciliario.
O titular estradense de Medio Ambiente recoñeceu que se vén detectando unha
cantidade de escombro nestes colectores excesivamente elevada, situación que dispara
a factura que ten que abonar a administración municipal para o tratamento destes
residuos. Máis polo miúdo, Durán exemplificou esta situación sinalando que, só no mes
de xaneiro, o Concello tivo que asumir o pago de 18.125 euros pola recollida.
O edil indicou tamén que a xestión de todo o material que se leva ao Punto Limpo ten un
custe anual de 180.000 euros. Coas novas fórmulas que se aplicarán e o que agardan que
se deixe de pagar de xeito indebido, o goberno agarda un aforro de 30.000 euros anuais.
Respecto á reapertura das instalacións ao público, o concelleiro lembrou que dende o
Concello se informará coa debida anticipación. Precisou que as instalacións seguirán
funcionando no mesmo horario: de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario
partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
O CONCELLO BUSCA OPTIMIZAR O FUNCIONAMENTO DO PUNTOLIMPO E MELLORAR A SEGURIDADE NO RECINTO DE PENERADA
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.