“Medallas as xustas”, di o alcalde da Estrada, afeando a postura do
BNG e sinalando que a moción do PP no Congreso dos Deputados
obtivo maior respaldo que a dos nacionalistas.
O rexedor recalca que o Goberno desoíu os sucesivos informes da
Policía Local pendido medidas para combater a sinistralidade da
travesía urbana da N-640 .
“É unha das vías peor conservadas, con cero mantemento na Estrada”,
di o mandatario
“Medallas as xustas”.O alcalde da Estrada, Gonzalo
Louzao, afeou publicamente a actitude do BNG á hora de atribuír de xeito exclusivo á súa
moción o acordo, por parte do Congreso dos Deputados, de instar ao Goberno de España
á execución dun plan integral de mellora e rehabilitación da estrada nacional N-640.
“Vemos con sorpresa que o BNG presume que se debateu no Congreso unha iniciativa
súa para a mellora desta vía. Esquecéronse de que son un dos socios de Pedro Sánchez
que asinaron no seu acordo de apoio que se fixera a variante da Estrada. Eles teñen parte
da responsabilidade e nós convocamos aos deputados do PP hai uns meses e
presentaron unha iniciativa como presentou o Bloque, pero que acadou máis apoio no
mesmo día”, remarcou o mandatario. Puxo o acento en que, aínda que populares e
nacionalistas se apoiaron mutuamente nas súas respectivas iniciativas, “o PSOE
abstívose nas dúas”. “É irrenunciable e non pode pasar deste ano, e así llo trasladei ao
subdelegado do Goberno, Abel Losada, que nos presupostos do Estado -que a ver se son
capaces de aprobar- vaia unha partida para que poidamos iniciar os trámites para facer
por fin a variante da Estrada”, remarcou o xefe do executivo local.
“É das vías peor conservadas eu penso que de España e levamos dende o goberno
municipal moitos meses tendo reunións e denunciando esta situación”, continuou
Louzao Dono. “Cero mantemento”, concretou. Insistiu en que o goberno que encabeza
trasladou en sucesivas ocasións “a importancia que ten para os estradenses o
mantemento desta vía”, pero non esqueceu sinalar que os informes que, de xeito
reiterado, emitiu e enviou a Policía Local para urxir medidas de seguridade nos pasos de
peóns non foron nunca atendidos.
Informes policiais
O alcalde fixo fincapé en que a Policía Local da Estrada elaborou o correspondente
informe despois de cada un dos moitos atropelos rexistrados -sempre en pasos de
peóns- na travesía urbana da N-640 ou, o que é o mesmo, no discorrer da Avenida Benito
Vigo como unha das principais arterias de comunicación que atravesa a vila. Porén, o
Goberno non adoptou ningunha das “medidas de seguridade inmediatas” propostas
polos axentes.
Polo menos dende 2022, o Concello da Estrada fixo chegar informes realizados por este
corpo municipal ao Goberno, sempre a raíz das incidencias rexistradas na N-640 ao seu
paso polo casco urbano. Neles, a Policía Local fixo constar, non só a existencia dunha
sinistralidade preocupante, senón tamén deficiencias en materia de sinalización,
facendo propostas que axudasen a remitir os sucesivos atropelos, todos eles rexistrados
en pasos de peóns. “Chegouse a contestar que este punto non figuraba como Zona de
Concentración de Accidentes”, remarcou o alcalde.
O mandatario estradense lamentou, por outra banda, que na N-640 A Estrada se perfile
como “un oasis” no que non se fai dende hai ano intervención ningunha de
mantemento, sinalando que outros concellos si teñen, polo menos, actuacións de
mínimos.
No Congreso
“A realidade é que as estradas nacionais en Galicia están esquecidas polo Goberno de
Pedro Sánchez e o seu estado é francamente lamentable”, comezou o deputado do
grupo parlamentario do PP, Juan Andrés Bayón. Correspondeulle a el defender a
iniciativa presentada polo PP no Congreso dos Deputados en relación á N-640. “Na
Estrada, desgraciadamente, tivemos que lamentar un alto número de accidentes. O
alcalde e o Concello levan remitindo múltiples escritos ao Ministerio de Transportes pola
inseguridade viaria que se xera ao paso da N-640 pola Estrada. Sen ir máis lonxe, a finais
de 2024 a Policía Local reiterou nun escrito os déficits na sinalización vertical e
horizontal, na iluminación dos pasos de peóns que se cobraron dende o ano 2019 dúas
vítimas mortais e 65 accidentes en total”, concretou.
“Na Estrada leva anos pedíndose a redacción e execución do proxecto da variante da
Estrada, unha variante que o PSOE promete en época electoral pero que, despois de sete
anos no Goberno, esquece”, dixo tamén Bayón, nas súas alusión ao lamentable estado
da N-640 no municipio estradense.
SAÚDOS
GABINETE DE COMUNICACIÓN DO CONCELLO DA ESTRA







































