O alcalde agradece ao subdelegado do Goberno que chegaran, como lle
adiantara, as máquinas ao municipio para corrixir o deteriorado firme
desta infraestrutura.
Os traballos concéntranse hoxe en tramos da parroquia de Callobre.
“Estas medidas urxentes estanse facendo pero non podemos quedar aí.
Están en elaboración os orzamentos xerais do Estado e é fundamental
non quedarnos nun bacheo: ten que chegar a variante á Estrada”, di
Gonzalo Louzao.
“O que pedimos é celeridade, que crean neste proxecto. Somos o único
concello da provincia de Pontevedra que segue atravesado por unha estrada
nacional, que non ten alternativa e que ademais ocasiona riscos para a
poboación e un freo urbanístico”, sinala o rexedor.
“Non me caen os aneis en agradecer publicamente o que
outras administracións fan no noso municipio”. Con estas palabras, o alcalde da Estrada
quixo aplaudir hoxe os traballos de mellora do firme na N-640, que esta mañá se
concentraban no discorrer desta infraestrutura pola parroquia estradense de Callobre,
ocasionando regulación de tráfico alterno para posibilitar o avance da maquinaria. Porén,
Gonzalo Louzao non deixou de recoñecer que o obxectivo para o executivo que lidera é
retirar do casco urbano todo o tránsito pesado e de longo recorrido desta infraestrutura.
“Agradecemos este mínimo parcheo, pero o obxectivo é a variante”, dixo.
O munícipe recoñeceu que, tras asistir a anuncios de investimento do Goberno noutros
concellos polos que pasa a N-640, dende o Concello da Estrada se fixo notar o grave
deterioro desta vía nacional “que atravesa o concello, que nos conecta de norte a sur e nos
vertebra co resto do territorio da comunidade galega”, remarcou o rexedor. “Parecía que
estabamos menosprezados”, engadiu, sinalando que así llo fixo chegar nunha reunión ao
subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. “Nos dixo que o trasladaba e que ese
mantemento se ía facer en primavera. A primavera chegou e aquí están as máquinas no
territorio estradense, o cal eu llo agradezo persoalmente”, manifestou o alcalde.
“Non pode chegar ao estado ao que chegou”, sinalou tamén hoxe Gonzalo Louzao,
subliñando as moitas deficiencias que amosa a N-640 na Estrada. “Estas medidas urxentes
estanse facendo, pero non podemos quedar aí. Están en elaboración os orzamentos xerais
do Estado e é fundamental non quedarnos nun bacheo: ten que chegar a variante á
Estrada”, sinalou. “É unha das grandes melloras en comunicación para o Concello da
Estrada. A Xunta cumpriu coa chegada da autovía á capital de Galicia e o Goberno do Estado
leva moitos anos neste proceso sen ningún tipo de avance”, apuntou.
“O que pedimos é que se poñan calendarios e recursos necesarios para iniciar o proceso”,
sintetizou o xefe do executivo estradense. “O que pedimos é celeridade, que crean neste
proxecto. Somos o único concello da provincia de Pontevedra que segue atravesado por
unha estrada nacional, que non ten alternativa e que ademais ocasiona riscos para a
poboación e un freo urbanístico”, argumentou.
Afondando no feito de que a N-640 atravesa o casco urbano estradense de extremo a
extremo, Louzao Dono fixo fincapé en que esta situación “é unha anomalía, que non existe
noutro lugar da provincia”. “Cremos que é de xustiza, porque se foron facendo variantes en
todos os casos urbanos importantes e A Estrada é dos máis importantes da provincia de
Pontevedra. É de xustiza que se faga a variante para sacar o tráfico pesado. Levamos 30 anos
de demora, concluíu.