A falta de previsión do goberno do PP converte as marxes do punto limpo nun punto negro de lixo

Xoán Reices: «Sabemos que o complicado sería atopar unha alternativa, mais o alcalde optou polo doado: non facer nada. As consecuencias están á vista».

O pasado mes de febreiro o BNG da Estrada pedía unha alternativa ao peche provisional por obras do punto limpo do concello. Hoxe, a través do seu portavoz municipal, Xoán Reices, denuncia que «a falta de previsión do PP converteu as marxes do punto limpo e o matadoiro nun punto negro de lixo».

«Era visto o que ía acontecer», afirma Reices, «desde o BNG pedímoslle ao goberno do PP unha alternativa ao peche por obras do punto limpo para que os veciños e veciñas puideran deixar o lixo e o refugallo, e ante a imprevisión do goberno do PP houbo quen optou por deixar o lixo nas marxes do punto, algo que evidentemente non compartimos, mais a culpa tena o alcalde o seus concelleiros e concelleiras ante a falta de previsión que sempre os caracteriza».

«Sabemos que o difícil sería buscar unha alternativa», explica Reices, «certo que non serviría calquera sitio, mais o goberno do PP no canto de, por exemplo, chegar a un acordo cos concellos veciños para levar o lixo ao punto limpo, o alcalde optou polo doado: non facer nada».

O concelleiro do BNG, Xoán Reices, explicou que «o concello indicou que o punto limpo estaría pechado un mes, e xa pasou de longo ese prazo e ese espazo segue pechado por obras; neste sentido, insistimos unha vez máis na necesidade de buscar unha alternativa ao punto limpo para os veciños e veciñas poidan depositar o lixo, e ademais, instamos ao goberno a limpar todo o lixo situado nas marxes do matadoiro e o punto limpo».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.